publicidade hoxe

Cabanas organiza un operativo especial para as luminarias de San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

Co obxecto de regular e evitar posibles incidencias polas luminarias da noite de San Xoán, neste ano o Concello de Cabanas ten previsto un operativo especial. Entre as diferentes medidas que se tomarán por parte do consistorio estará a delimitación de espazos para levar a cabo as luminarias na Praia da Madalena así como a obrigación de solicitar permisos para as mesmas.

Todo isto se explica no bando municipal que xa está a disposición pública e no que se prohibe a realización de luminarias fóra dos espazos previstos salvo autorización expresa. Todas aquelas persoas interesadas na realización de calquera luminaria de San Xoán deberán comunicalo expresamente ó Concello de Cabanas mediante unha instancia antes do día 21 de xuño e que se facilitará nas oficinas xerais en horario de atención pública. Nestas instancias deberase identificar unha persoa responsable así como indicar o lugar onde se pretende celebrar.

Tamén se recolle neste bando unha serie de condicións para a concesión de autorización. Entre estas condicións está a de deixar en axeitadas condicións de limpeza e orde a zona da luminaria, prohibíndose expresamente cubrir con area os restos da mesma polos riscos que isto pode xerar. Prohíbese ademais a queima de plásticos, aceites, pneumáticos, espumas de poliuretano, sprays inda que estivesen baleiros así como colchóns, somieres, mobles, caixas ou calquera outro material que puidera conter restos como cravos ou cristais.

Entre as condicións que se deben cumprir para as luminarias de San Xoán está o feito de que non poden superar os 3 metros de altura nin os 8 de perímetro así como deixar unha separación de 15 metros con edificios ou árbores e baixo ningún concepto situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.

11 de xuño de 2014 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.