publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Avanzan as obras de reforma da instalación eléctrica do IES Pazo da Mercé das Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao centro das Neves

Cores Tourís na visita ao centro das Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde das Neves, Raúl Emilio Castro, o IES Pazo da Mercé desta localidade para coñecer os traballos de mellora da instalación eléctrica que se están a executar neste centro.

Na visita ao instituto de As Neves, o delegado territorial e o alcalde da localidade estiveron acompañados polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, así como polos membros da Unidade Técnica da Xefatura Territorial e pola directora do centro, Rosa Martín.

Cores Tourís destacou os máis de 200.000 euros investidos nos centros educativos das Neve desde 2009, tanto de primaria coma de secundaria. Entre as obras executadas atópanse a reposición do falso teito e a reforma da instalación da calefacción do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, así como a reposición de cuberta e persianas, así como a reparación dun muro e dos falsos teitos nos IES do municipio.

Os traballos que hoxe puido comprobar o delegado territorial contan cun orzamento de 60.000 euros e permitirán a reforma da instalación eléctrica deste instituto que estaba a sufrir importantes carencias, tanto na acometida como na derivación individual e nos cadros de contadores. Deste xeito, mellorarase a protección magnetotérmica e diferencial, reformarase o cadro de contadores e eléctrico así como as liñas de distribución, repoñéndose os equipos de alumeado de emerxencia do centro.

Nestes intres, estase a instalar o cableado de emerxencias da planta superior e se están a revisar todos os enchufes, instalando 13 novos cadros eléctricos. Ademais, renovarase toda a instalación eléctrica do edificio máis antigo, e revisarase toda a do novo, así como o cadro eléctrico do pavillón. Tamén se cambiará a baixante do parafusos e as tomas de terra.

A directora do centro, pola súa banda, agradeceu a Delegación Territorial a súa implicación na mellora do sistema eléctrico, “xa que estábamos a sufrir importantes problemas, tanto nas conexións como nas fases, que saltaban en moitas ocasións”, explicou Rosa Martín.

Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís, engadiu que este tipo de obras “permiten mellorar a calidade do servizo de cara, especialmente, a facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e a posta en marcha de proxectos como o Abalar co que conta xa este centro”.

Cores Tourís animou a comunidade educativa deste instituto, que conta con 279 alumnos non só de As Neves senón tamén dos concellos limítrofes, a continuar coa súa labor de cara ao curso que acaba de comentar, destacando o excelente traballo que se está a desenvolver, que xunto a posta en marcha do proxecto ABALAR, “permiten destacar a boa labor que se está a levar a cabo neste instituto en pro da calidade educativa”.

O responsable da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra tamén recolleu as demandas do alcalde da localidade e da directora do centro en relación aos problemas xerados polos temporais do pasado inverno no muro de peche do centro así como pola acción da auga no entorno do pavillón.

Finalmente, Cores Tourís quixo trasladar o seu pésame tanto á directora do centro como ao equipo educativo, así como os compañeiros do mozo falecido onte nas vías do tren en Arbo. “Sei que era alumno deste centro”, explicou o delegado territorial quen engadiu que “xa onte tamén démoslle o pésame a familia da vítima. Lamentamos, sen dúbida, o sucedido”.

26 de xuño de 2014 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.