publicidade hoxe

As Xornadas de cooperación transfronteiriza contaron cuns 50 participantes de Galicia, Castela-León e Norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaOurenseVerín
A-
A+
Clausura das xornadas ARIEM 112

Clausura das xornadas ARIEM 112

A sede da Eurocidade Chaves-Verín foi testemuña do acto de clausura das xornadas “Cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias: colaboración e coordinación entre os organismos intervinientes”, que desde o pasado mércores 04 de xuño se desenvolveron neste espazo e ás que asistiron máis de cincuenta participantes procedentes de Galicia, Castela-León e Norte de Portugal.

No mesmo estiveron presentes o alcalde de Verín e director da Eurocidade Chaves-Verín AECT, Juan Manuel Jiménez Morán, o director xeral de Emerxencias e Interior e vicepresidente de AXEGA, Santiago Villanueva Álvarez, o o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, a coordinadora xeral da DGT en Galicia, Victoria Gómez Dobarro, e a xerente do Servizo Galego de Saúde-SERGAS, Nieves Domínguez González.

Ao longo dos tres días técnicos dos servizos contraincedios, de un e outro lado da fronteira, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, da dirección xeral de Tráfico, do Sergas e da Axencia Galega de Emerxencias ofertaron unha completa análise da cooperación transfronteiriza dende as diversas perspectivas dos sectores implicados: a cooperación institucional, a cooperación en servizos de salvamento e contraincendios, emerxencias sanitarias ou tráfico, entre outros. “No XXVII Cumio Ibérico celebrado este mércores, por primeira vez na historia na Eurocidade, pecháronse importantes acordos que inciden directamente nas poboacións fronteirizas, e entre eles acordouse a revisión do protocolo adicional en materia da loita contra incendios forestais co obxecto de estendelo a outras operacións de protección e socorro necesarias para obter unha mellor resposta ante situacións de catástrofe evitando duplicidades e descoordinacións”, indicou o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán. “Este acordo optimizará de forma evidente a coordinación de servizos dos dous países, aínda que seguiremos a insistir na liña que nos propuxemos con outras organizacións de fronteira para que se nomee un coordinador de emerxencias a nivel ibérico que teña autoridade ante unha catástrofe e poida enviar efectivos ao territorio veciño seguindo un esquema que está a funcionar moi ben como é o das comisarías conxuntas”.

Nesta última sesión das “Cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias: colaboración e coordinación entre os organismos intervinientes”, enmarcadas dentro do Proxecto ARIEM 112 en materia de atención das emerxencias e protección civil no ámbito transfronteirizo de Galicia, Castela-León e Norte de Portugal, presentáronse os relatorios ‘Cooperación transfronteiriza en materia sanitaria’ (de Nieves Domínguez González, xerente do Servizo Galego de Saúde), e ‘ARIEM 112. Unha experiencia positiva que debemos consolidar no futuro’ (Santiago Villanueva Álvarez, director xeral de Emerxencia e Interior da Xunta de Galicia e vicepresidente de AXEGA).

6 de xuño de 2014 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.