publicidade hoxe

As piscinas do Complexo Deportivo de Monterrei abrirán ao público mantendo os prezos de hai catro anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pereiro de AguiarOurense
A-
A+
Rogelio Martínez na visita ao Complexo Deportivo Monterrei

Rogelio Martínez na visita ao Complexo Deportivo Monterrei

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe de servizo de Deportes, Mario Guede, visitou esta mañá as instalacións do Complexo Deportivo de Monterrei e comprobou que todo está preparado para que este sábado, 7 de xuño, as súas piscinas abran de novo as portas ao público.

A Xunta, tendo en conta a situación económica que se está a vivir, decidiu non variar os prezos das entradas para acceder ás instalacións acuáticas e mantén as mesmas que estiveron vixentes durante estes catro últimos anos. Esta medida, segundo Rogelio Martínez, contribúe a “mellorar a economía de moitas familias ourensáns que acoden en verán ao complexo de Monterrei a gozar do tempo de lecer nas piscinas, ao tempo que alivian as altas temperaturas que se rexistran en verán nesta provincia do interior de Galicia”.

A entrada para os maiores de 18 anos custa 2,20 euros e a de menores 1,20 euros. Os interesados poden adquirir un bono de 10 entradas que no caso dos adultos ten un prezo de 19 euros, mentres que o infantil custa 9,50.

O complexo de Monterrei conta con seis piscinas: unha piscina con efecto de ondas, outra cun tobogán acuático, unha infantil e tres de adultos. Oito socorristas, dous diplomados en Enfermería/ATS, dúas persoas nos despachos de entradas e vestiarios e un encargado conforman o seu cadro de persoal para este verán.

Incremento de usuarios

Segundo os datos do pasado ano, na temporada de verán accederon a estas instalacións acuáticas máis de 76.000 persoas, unha cifra moi superior á rexistrada no 2012 que contou coa visita de 20.000 persoas menos. Este incremento de usuarios xustifícase nas altas temperaturas rexistradas na provincia ourensá o pasado verán.

As piscinas de Monterrei manteranse abertas durante a temporada de verán, cun horario de 12.00 a 21.00 horas, mentres que o resto das instalacións do complexo deportivo ofrecen un horario máis amplo de 08.00 a 22.00 horas.

Ademais o recinto conta con dúas pistas polideportivas, estadio de atletismo, catro canchas de tenis, dúas pistas de padel e unha ampla zona verde e de ocio. Durante o último ano executáronse diversas actuacións de mellora no Complexo Deportivo de Monterrei que consistiron na substitución do sistema de alumeado das canchas de tenis co obxectivo de lograr un aforro enerxético. Tamén está previsto executar as obras de acondicionamento das pistas de atletismo, para renovar a homologación das mesmas.

5 de xuño de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.