publicidade hoxe

As comarcas de Vigo, o Condado e Val Miñor contarán con 5 obradoiros dun orzamento total de 900.000 euros

A Consellería de Traballo e Benestar desenvolverá cinco obradoiros de emprego no área xeográfica das comarcas de Vigo, O Condado e Val Miñor cun orzamento de preto de 900.000 euros e que beneficiarán a 100 alumnos.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe Mos onde terá lugar un obradoiro para 19 alumnos en situación de desemprego, cun orzamento de 170.000 euros para as especialidades de cantería e carpintería.

Ademais do de Mos, tamén se aprobaron, na comarca de Vigo, os obradoiros de Porriño, con 19 alumnos e 170.000 euros para as especialidades de electromecánica de mantemento, animación sociocultural e limpeza de inmobles; e de Redondela, tamén para 19 alumnos e cun orzamento de 170.000 euros, nas especialidades de xardinería e deseño gráfico.

Así mesmo, na comarca do Condado, concedeuse o obradoiro para os concellos de As Neves e Salvaterra do Miño, cun investimento de 180.000 euros e no que participarán 20 alumnos na especialidade de traballos forestais.

Por último nesta zona, tamén contará co obradoiro solicitado a mancomunidade de concellos do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona), no que se investirán 205.000 euros para formar e ofrecer un posto de traballo a 23 persoas nas especialidades de cociña, camareiro de restaurante e bar, e limpeza de inmobles.

Beatriz Mato indicou que estes programas contan con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, ofrece unha formación teórica e práctica “de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional” que contribúe á mellora da súa empregabilidade.

A titular de Traballo lembrou que esta iniciativa “abre un importante espazo de colaboración cos concellos” no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de “orientar adecuadamente os esforzos”. Ademais, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade. No caso do de Mos, centrarase na rehabilitación da casa reitoral da parroquia de Petelos.

Mato indicou que nos próximos meses poranse en marcha un total de 53 obradoiros por toda Galicia, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 persoas. En concreto, na provincia de Pontevedra financiaranse 12 obradoiros, que beneficiarán a 24 concellos, contarán con 242 alumnos e un investimento de 2 millóns de euros.

3 de xuño de 2014 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.