publicidade hoxe

“Artesanía no prato” achegará a olería de Buño ao encontro dos Pendellos de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaCalendario
A-
A+

O III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular, Corazón da Artesanía, que organiza a Consellería de Economía e Industria nos Pendellos de Agolada do 4 ao 6 de xullo, inclúe dentro do seu programa de actividades a iniciativa “Artesanía no prato”, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega.

Os cociñeiros galegos do grupo Nove, Pepe Solla, Javier Rodríguez Ponte “Taky” e Hector López, serán os chefs encargados de menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. A partir destas showcookings, as pezas de artesanía incorpóranse aos menús como unha nova maridaxe, imprimíndolle un valor engadido á propia gastronomía.

“Artesanía no prato” é o punto de partida dun proxecto máis amplo de colaboración entre artesanía, deseño e gastronomía, no que xa se está a traballar e que se enmarca no propio Plan de Artesanía de Galicia impulsado pola Xunta, que conta entre os seus obxectivos co impulso á innovación e á colaboración entre sectores para potenciar o talento e mellorar a competitividade.

Os menús degustación realizaranse con produtos galegos de calidade, moitos dos cales se poderán atopar á venda no propio Encontro, incluída a maridaxe, para a que se proporán algúns dos viños expostos e mesmo cervexas artesanais. Entre as pezas de artesanía que se van empregar para a presentación dos menús inclúense xerras tradicionais de Buño de Alfarería O Rulo, pezas do obradoiro de Carmen Labrador tamén de Buño, cuncas elaboradas por Nacho Porto (Carnota), pezas de porcelana de Cerámica Suve (Cangas), pratos de madeira deseñados e producidos por Atalanta (A Estrada), téxtil de Concha Canoura (Culleredo) e pezas de madeira de oliveira elaboradas polo obradoiro Armaior (Quiroga).

Demostracións o sábado e o domingo

Pepe Solla é un referente culinario na nosa Comunidade e mestre dun grande número dos representantes da cociña galega contemporánea. O chef de Casa Solla (Poio), estrela Michelín desde o 1980, ofrecerá un showcooking nun único pase para 30 persoas, o sábado a partir das 18:30 horas. Héctor López, que rexenta o restaurante España de Lugo, ofrecerá dúas demostracións para 20 persoas o sábado, unha ás 13:30 e outra ás 15 horas. Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña de Catering Boketé (A Coruña), presentará as súas propostas o domingo en dous pases ás 13:30 e ás 15 horas, de 20 asistentes cada un.

A inscrición para estas actividades é gratuíta, e é precisa inscrición previa no teléfono 981573017, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As prazas asignaranse por orde de recepción das reservas.

Ademais dos showcookings, a gastronomía estará presente no III Encontro de Artesanía de Agolada a través de máis dunha trintena de postos de alimentación que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos. Entre as novidades deste ano atópanse produtos como cervexas artesanais, confeiterías de prestixio, ovos ecolóxicos ou varios proxectos innovadores de conservas.

Por outra banda, os afeccionados á cociña que visiten Agolada durante o Encontro poderanse achegar tamén ao traballo de artesáns de oficios coma o téxtil, a olería ou a tornería de madeira que tamén inclúen entre as súas pezas produtos destinados á cociña.

O III Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, que se celebra entre o 4 e o 6 de xullo, nos Pendellos de Agolada, servirá un ano máis para crear un espazo de interrelación con ámbitos como a música, a gastronomía ou o deseño. A iniciativa, na que tradición e vangarda van da man, poderá verse verse o traballo de medio cento de artesáns galegos, que desenvolven máis de vinte oficios tradicionais diferentes.

27 de xuño de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.