publicidade hoxe

Artesanía, deseño, arquitectura e moda daranse cita no III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaCalendarioLocal Portada
A-
A+

O III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular, Corazón da Artesanía, que se celebra do 4 ao 6 de xullo nos Pendellos de Agolada, converterese un ano máis nun espazo de diálogo entre artesanía, deseño, arquitectura e moda, coa organización de diferentes cursos de formación dirixidos a artesáns, deseñadores, arquitectos e estudantes.

O primeiro destes cursos, gratuítos e para os que é preciso realizar inscrición previa na páxina artesaniadegalicia.xunta.es, é “The textile process experience”, que estará impartido pola deseñadora de moda Sara Coleman e pola artesá Idoia Cuesta, especializada en cestería e téxtil. O curso, que se desenvolverá venres, sábado e domingo de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, pretende ofrecer alternativas de achegamento á artesanía desde unha visión multidisciplinar e a través do traballo con novos procesos e materiais.

A artesá Viviana Araújo ofrecerá pola súa parte un obradoiro centrado na súa especialidade: a confección artesanal de sombreiros, tocados e turbantes, unha actividade pola que foi recoñecida como finalista na edición do ano 2010 dos Premios Nacionais de Artesanía, na categoría Produto. O curso celebrarase tamén durante os tres días en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

A través do workshop “Deseño e produción artesanal”, que se celebrará o venres a partir das 16:00 horas, o deseñador Javier Alejandre dará as claves para o achegamento dos profesionais do deseño, da arquitectura e doutras ramas afíns á produción artesanal.

Xa o sábado, celebrarase “Diálogos sobre a paisaxe”, un espazo aberto de reflexión sobre a paisaxe na súa dimensión patrimonial, como recursos económico e como construtor da identidade individual e colectiva, guiado polos arquitectos Manuel Borobio e Cruz Louzao e polos xeógrafos Augusto Pérez Alberti e Paco Castillo. De 11:30 a 13:00 haberá unha mesa de debate entre os participantes e, pola tarde, un obradoiro de iniciación á lectura da paisaxe, de 16:00 a 18:00 horas.

A xornada do domingo comezará ás 10:00 cunha nova edición do workshop dedicado ao Ecodeseño, impartido por Victoria Pereda, responsable da Área de Sostenibilidade do Instituto Europeo de Diseño (IED) Madrid,que volve a Agolada despois do éxito de asistencia da edición do ano pasado. O taller abordará a introdución do deseño sostible no sector artesán tocando entre outros temas a creación de valor económico e ambiental ou a problemática actual relacionada cos procesos produtivos, a enerxía, os materiais, a contaminación, as melloras ambientais e a normativa.
 

30 de xuño de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.