publicidade hoxe

Adxudícanse as obras de estabilización dun noiro da estrada AC-162 (Sada-Bergondo) por 170.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoLocal PortadaSada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de adxudicar as obras de estabilización dun noiro da estrada AC-162 (Sada-Bergondo) no punto quilométrico 0+600 á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L. por un valor de 170.541 euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) anuncia hoxe a data do levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto, que terá lugar o vindeiro 27 de xuño

Unha vez se levanten as actas a administración aboará os depósitos previos, co que se poderán iniciar no mes de xullo os traballos que estabilizarán o noiro desta estrada autonómica.

Estas obras permitirán restituir a estrada AC-162 na marxe esquerda no punto quilométrico 0+600, lugar no que en xaneiro de 2013 se produciu un desprendemento no terraplén como consecuencia das intensas choivas caídas en días anteriores e da rotura dunha tubaxe de abastecemento de auga do Concello de Sada instalada baixo a beirarrúa.

A execución das obras obriga á expropiación de terreos, o que permitirá evitar posibles problemas de seguridade viaria e garantirá a estabilidade do noiro no que se produciu o desprendemento.

Solución proposta

A estabilización do noiro executarase no prazo de 4 meses mediante a construción de tres muros de coieira, e debido ao estado en que quedou a vía despois do desprendemento, na actuación procederase tamén a substituír o firme completo nunha lonxitude de 40 metros.

O pasado 25 de marzo, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández reiterou o compromiso do seu departamento para ofrecer unha solución segura para automobilistas e peóns.

O desenvolvemento destes traballos beneficiará a unha poboación total de máis de 15.000 habitantes do Concello de Sada.
 

11 de xuño de 2014 | 10:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.