publicidade hoxe

Actividades culturais, deportivas e gastronómicas para a fin de semana en Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

A Casa da Cultura de Vimianzo acollerá actividades o venres, o sábado e o domingo, metidos xa de cheo no “Mes do noso” da programación cultural do Auditorio e pechando as escolas culturais que se puxeron en marcha no pasado mes de outubro. Chegou a hora de ir deixando atrás a rutina invernal para deixar que entre o verán con novas actividades. O pasado domingo era a Escola de teatro infantil a que enchía o Auditorio para asistir á represetnación das funcións O galo quirico e Indo para o Samaín, con grande éxito de público e ovación final para o elenco actoral e para o director Suso Lista. Xa tivo a súa dose de aplausos o alumnado de música tradicional, nas especialidades de gaita, pandeireta e percusión e od seus profesores Bea Mariño, Ismael García e Sonia Amigo. Chega pois unha fin de semana con actividade moi variada no eido cultural.

O venres para aqueles que gosten da arte, temos a inauguración da exposición das escolas de pintura, debuxo e panillo, unha mostra dos traballos realizados ao longo do curso da man das profesoras Puri Lema e Mercedes Lema, que se poderán ver ata finais de xullo na Sala de Exposicións Antón Mouzo. A cita inaugural será o venres ás 20 horas. Para o público que guste máis da música, o sábado a partir das 18.30 horas, os alumnos de guitarra e piano deleitarannos con diferentes pezas para todos os gustos, aprendidas da man de Martín López e Clara de Vega. E o domingo será a ocasión para que os afeccionados ao teatro acudan á Casa da Cultura coa Escola Teté Teatro de Salto que, dirixidos por Toño Casais, poñerán en escena Volvo axiña!, unha divertida comedia para despedir a fin de semana.

No eido deportivo Vimianzo remata o programa de Andainas Coñece a Costa da Morte, que comezaba no mes de abril en Camariñas. Logo dos percorridos realizados nos concellos de Cee, Ponteceso, Dumbría, Muxía, Corcubión e Fisterra, tócalle a Vimianzo cunha fermosa ruta lineal de 13 Km. A ruta Vimianzo, o noso mar, comezará o sábado ás 9.30 horas na Ponte da Furaqueira para empezar un fermoso tramo pola ribeira do río Grande ao seu paso por Pasarela. Desde alí adentrarémonos nos Penedos do Piñeo, no monte de Carantoña, para iniciar a baixada ao coído de Sabadelle, a saída ao mar do noso concello. Desde aquí continuará o percorrido marítimo ata a praia de Boaño, en Traba de Laxe, lugar onde finalizará a ruta. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata mañá xoves no departamento de Deportes do Concello (981716001 ext. 233).

E para aqueles que gosten de boas propostas culinarias, quedan dúas fins de semana para participar no Vimianzo gastronómico. Compartimos primavera nos restaurantes Casa Sabina, Restaurante Vázquez, Resturante Edreira, Restaurante O Castillo, Restaurante Pastoriza, Casa Paco de Pasarela e Restaurante O Cabral de Baíñas. Quedan dúas fins de semana para poder degustar as propostas gastronómicas que nos ofrecen, como fixeron os veciños de Pasarela a pasada fin de semana reuníndose nunha fermosa velada en Casa Paco.

5 de xuño de 2014 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.