publicidade hoxe

Accións formativas sobre agricultura ecolóxica en Monforte, Mondoñedo, Sarria e Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMondoñedoMonforte de LemosSarriaViveiro
A-
A+

A Deputación pon en marcha novas accións formativas gratuítas sobre agricultura ecolóxica tralo éxito acadado co Fórmate en Verde. Preto de 300 lucenses participaron nos 21 obradoiros que o organismo provincial levou á zona Sur da provincia mediante dita programación que xera emprego no rural. Froito da formación e do asesoramento recibido, puxéronse en marcha ata o momento 6 novas explotacións de agricultura ecolóxica (en Carballedo, Guntín, Chantada, Castro de Rei e dúas en Sarria), rexistradas xa no CRAEGA, mentres outras tantas están en proceso de creación.

O organismo provincial leva as novas accións formativas sobre agricultura ecolóxica, totalmente gratuítas e abertas ó publico, a Monforte, Mondoñedo, Sarria e Viveiro. As datas de celebración son as seguintes: 

– Mondoñedo acollerá dous seminario. O primeiro será o vindeiro luns, 23 de xuño, no que se abordará o Mercado e comercialización de produtos ecolóxicos. O seguinte será o 28 de xuño, no que se tratará a Produción de cultivos necesarios para a elaboración de cervexa artesá e a súa comercialización.

– En Monforte celebraranse doutras dúas xornadas: o día 26 de xuño, o Mercado e comercialización de produtos ecolóxicos e, o día 19 de xullo, A compostaxe e os biofertilizantes.

– En Sarria haberá un seminario, o 5 de xullo, sobre a Produción de cultivos necesarios para a elaboración de cervexa artesá e a súa comercialización

– En Viveiro terá lugar outro, o 12 de xullo, sobre A compostaxe e os biofertilizantes.

Inscricións
Hoxe mesmo se abre o prazo de inscrición para as primeiras accións formativas (a do vindeiro luns en Mondoñedo e o próximo xoves, 26 de xuño, en Monforte). Os interesados poden formular a súa solicitude en www.deputacionlugo.org, onde atoparán detalles sobre os contidos e expertos que imparten os seminarios. Máis información en 982-26-02-06.

A Deputación aposta pola formación gratuíta sobre a produción ecolóxica xa que é un sector en auxe, tal e como constatan os seguintes datos: o 92% dos galegos coñece os produtos ecolóxicos; as vendas aumentaron nun 60% nos últimos 5 anos, pasando de 9.569.788 euros de facturación ós 23.292.806 euros. A provincia de Lugo é a que máis produtos certifica en Galicia, destacando a elevada facturación en leite e derivados, que son tamén os produtos favoritos entre os consumidores. A produción ecolóxica e forestal perfílase como unha oportunidade inmellorable para sacar o máximo rendemento ós recursos naturais da provincia dun xeito sostible, crear emprego no rural e favorecer a fixación de poboación.

19 de xuño de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.