publicidade hoxe

A Xunta reduce nun 75% as parcelas na parroquia de Ansemar tralo proceso de concentración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal Portada
A-
A+

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, entregou esta mañá os títulos da concentración parcelaria da zona de Ansemar, no concello lucense de Castro de Rei. Rosa Quintana insistiu na importancia destes procesos de reorganización, onde neste caso se reduciu máis do 75% o número de predios co fin de aumentar o valor da base territorial da zona.

Con este acto ponse fin ao proceso concentrador da propiedade que reorganizou un total de 875 hectáreas, pertencentes a 270 propietarios. Así, conseguiuse reducir as 2.021 parcelas existentes inicialmente a tan só 492 fincas. Entre os obxectivos desta concentración, Rosa Quintana destacou a mellora e modernización das explotacións agrícolas, a creación e acondicionamento das vías de comunicación e de acceso ás novas fincas, a prevención de incendios forestais e o aumento do valor da base territorial.

Os traballos realizados na zona concentrada supuxeron un investimento de máis de 1,3 millóns de euros, dos cales a meirande parte corresponden á execución das obras da rede de camiños e ao acondicionamento das fincas. A titular de Medio Rural e Mar insistiu que, con estes procesos de concentración parcelaria, búscase impulsar o traballo nas fincas resultantes e poñer de relevo o papel do Banco de Terras. Así, no caso de que os propietarios queiran poñelas fincas en valor, garánteselles a seguridade da propiedade; e no caso de que sexan arrendadas, o cobro dos prezos de referencia da renda e a devolución en bo uso agrario.

Coa finalización da concentración parcelaria en Ansemar, o concello de Castro de Rei ten preto do 33% do territorio concentrado. Nestes momentos hai outros procesos en marcha neste municipio, que servirán para impulsar os sectores agrario e gandeiro.

Asociación de Mulleres San Bartolomeu da Insua

Tras o acto de entrega dos títulos da concentración parcelaria, a titular de Medio Rural e Mar trasladouse ata a parroquia da Insua, en Vilalba, para visitar as instalacións da Asociación de Mulleres San Bartolomeu da Insua. Alí foi recibida pola presidenta de Asociación, Lourdes Otero.

Durante a visita percorreron as instalacións, onde se expoñen distintos aperos de traballo do liño e telares. Xusto despois, a comitiva trasladouse a pé á casa da presidenta para ver a zona de cultivo do liño co que traballan na Asociación e unha instalación cos aperos máis antigos.

16 de xuño de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.