publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta confía en retomar canto antes a tramitación para o desenvolvemento da Plataforma Loxística e Industrial Salvaterra-As Neves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesGaliciaLocal PortadaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, manifestou esta mañá que a Xunta de Galicia confía en retomar de maneira conxunta – Autoridade Portuaria, Zona Franca e Xunta de Galicia- e canto antes a tramitación necesaria que permita o desenvolvemento da Plataforma Loxística e Industrial Salvaterra- As Neves (Plisan). Ethel Vázquez afirmou, na súa primeira intervención no Pleno do Parlamento como conselleira, que o Goberno galego traballará para retomar o proceso construtivo de forma conxunta.

Para elo, tal e como xa se ten manifestado, recordou que na actualidade os tres socios da Plisan están a formular un novo convenio que permita volver á situación de condominio, para facilitar o desenvolvemento do proxecto sectorial aprobado en xaneiro de 2011.

Sinalou que, a pesar de que o Goberno galego é socio minoritario deste proxecto con pouco máis dun 18% de participación, non aceptará ningún contratempo inxustificado; polo que no caso de non contar coa participación dos socios restantes, cumprirá coas súas obrigas e tratará de continuar coa maior dilixencia posible o desenvolvemento da parte que lle corresponde na área loxística-empresarial que desde un principio lle fora asignada.

Nese sentido, reiterou que a Xunta de Galicia mantén a súa aposta polo desenvolvemento e a execución da Plisan e que nunca se abandonou a idea de rematar este proxecto transcendental para o futuro da área metropolitana de Vigo, do sur da provincia de Pontevedra e do conxunto de Galicia.

Vázquez Mourelle aclarou que a vontade do actual Goberno por levar a cabo este proxecto queda patente no acceso acceso viario case acabado, unicamente pendente duns remates.

A conselleira de Medio Ambiente manifestou que a Xunta traballa para facer realidade a Plataforma, tal e como se fixo co Porto Seco de Monforte, rematado a finais do pasado mes de febreiro, logo dunhas obras que foron xestionadas por tres gobernos diferentes.

Unha situación similar ao caso da Plisan, aínda que neste caso houbo moitos máis contratempos, derivados dunha complexa planificación, dunha acusada xudicialización do proxecto, con lexítimas reclamacións de millares de afectados no proceso expropiatorio e, en definitiva, dunha serie de vicisitudes xurídicas e administrativas que, en diferentes épocas e tamén con diferentes gobernos, impediron cumprir as sucesivas previsións que se foron facendo públicas.

“Todas estas circunstancias foron dadas a coñecer publicamente en diversas ocasións e mesmo a semana pasada neste Parlamento, se ofreceu información sobre os avatares que condicionaron a traxectoria deste proxecto”, afirmou.

26 de xuño de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.