publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Volta Ciclista á Provincia da Coruña chegará a 12 concellos de Terras de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaBoimortoBoqueixónDeportesDeportes PortadaMelideO PinoOrosoSantiago de CompostelaSobradoTeoToquesTouroVedra
A-
A+

A Deputación da Coruña presentou hoxe a XIII edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña que comezará mañá mesmo en Vedra e rematará o domingo en Melide, pasando por doce municipios distintos. Precisamente o de Melide foi o concello elixido para presentar esta proba deportiva na que participarán 16 equipos.  

Uns 45 mozos do instituto do municipio acudiron a esta cita na Casa da Cultura para coñecer non só a Volta á Provincia senón a profesionais do ciclismo como Ezequiel Mosquera e Álex Marque, que responderon as súas preguntas, xuntos aos clubs ciclistas invitados.

Durante a presentación, o presidente da Deputación animou a esta xuventude a iniciarse no mundo do ciclismo, ben de xeito profesional ou por ocio, xa que se trata dun hábito “saudable e sostible”. O presidente e xerente da Federación Galega de Turismo, Manuel Tallón e Ricardo Terceiro, respectivamente, foron os responsables de explicar as características da proba, proceso no que tamén participaron os directores de equipos participantes da volta como o Club Ciclista de Padrón, o Spol, o de Cambre, o Racing Cycling Team ou o das Rías Baixas.

Por iso, Diego Calvo agradeceu a colaboración e axuda que sempre se recibe da Federación Galega de Ciclismo e dos distintos clubs para organizar esta clase de eventos. “Sen vós, non sería posible facer chegar as bicicletas a onde están chegando”, declarou o titular provincial, que aproveitou para recordar outras iniciativas como o Circuíto Provincial de BTT ou o novo carril bici metropolitano de máis de 70 quilómetros pola comarca coruñesa que se presentou esta semana na Deputación.

“O ciclismo conquistounos e estase a converter nun dos eixes de traballo da Deputación, porque cremos firmemente na idea de cambiar de hábitos no ámbito da mobilidade”, sinalou o presidente.

Coincidiu coa alcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez Mejuto, que fixo de anfitrioa na Casa da Cultura do municipio, e salientou que esta Volta “é un espectáculo que vai máis alá do deporte”.

Volta á Provincia

En concreto a primeira etapa da volta ciclista pasará polos concellos de Vedra, Teo, Boqueixón e Santiago para rematar de novo en Vedra. A segunda etapa, o sábado comezará en Touro, seguirá por Arzúa, O Pino e Oroso, volvendo ao municipio inicial. E por último, a ruta do domingo é: Melide, Boimorto, Arzúa, Toques, Sobrado  e Melide.

Trátase dunha proba que puntúa a nivel estatal e que cada vez ten máis sona fóra de Galicia e incluso no estranxeiro. É ademais unha das máis lonxevas de España ao alcanzar este ano a XIII edición, das cales as últimas tres foron en anos consecutivos.

Asistentes

A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Deportes, Mariel Padín, tampouco se quixo perder a presentación, á que acudiron os alcaldes da zona, ademais de varios concelleiros e o xefe de seguridade de seguridade da Volta, Miguel Soldán.

5 de xuño de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.