publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A vindeira semana entregaranse os premios do programa meteoescolas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaGaliciaPortada dereitaSan SadurniñoXuventude
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas entrega a vindeira semana os premios do programa MeteoEscolas aos CPI Conde de Fenosa, en Ares; IES Plurilingüe Fontem Albei, na Fonsagrada; e CPI de San Sadurniño.

O primeiro premio recibirao o CPI Conde de Fenosa, de Ares, polo seu proxecto Todos a tempo, realizado por alumnos dende Infantil ata a ESO; o segundo para o IES Fontem Albei, da Fonsagrada, polo traballo Achegamento á meteoroloxía; e o terceiro para o CPI de San Sadurniño, por Meteosansa. As entregas de premios realizaranse nos respectivos centros do seguinte xeito: o martes, os protagonistas serán os escolares da Fonsagrada; e o venres será a quenda dos alumnos dos centros galardoados en Ares e San Sadurniño.

Nesta edición do Programa MeteoEscolas participaron un total de 37 centros de educación primaria e secundaria, públicos e concertados. Co fin de recoñecer o traballo, esforzo e interese da comunidade educativa dos centros participantes neste programa, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocaron conxuntamente o derradeiro 22 de abril a segunda edición dos premios do programa MeteoEscolas a través do cal se pretende premiar a aqueles centros que se distingan polo seu bo facer e resultados acadados.

O xurado dos premios, tras constatar a alta calidade dos traballos presentados (11 en total) e o esforzo dos profesores e alumnado no desenvolvemento dos mesmos, resolveu conceder, por unanimidade, os seguintes premios:
• 30 estacións meteorolóxicas dixitais de mesa (por cada premio) repartidas entre o profesorado e o alumnado participante.
• Libros sobre meteoroloxía e climatoloxía para a biblioteca do centro.
• Certificación, emitida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de premio de innovación educativa para as persoas coordinadoras e para o profesorado participante nos proxectos premiados.

MeteoEscolas

A resolución do 24 de maio de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, regula o Plan Proxecta e establece as bases para a participación no mesmo dos centros docentes sostidos con fondos públicos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o curso 2013/2014. Dentro deste Plan encádrase o programa “MeteoEscolas” da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Con esta iniciativa educativa preténdese desenvolver competencias do alumnado en investigación medio ambiental mediante a observación directa do clima.

Os centros contaron co material necesario (pluviómetro, termómetro de máxima/mínima e unha unidade didáctica con obradoiros en meteoroloxía) para levar a cabo os proxectos dentro deste programa ademais dunha serie de material de apoio que puido descargarse da web de MeteoGalicia.

O alumnado, coa supervisión do profesorado, recolleu os datos de precipitación, temperaturas máxima e mínima na súa MeteoEscola. Unha vez introducidos na web de MeteoGalicia os datos permiten obter unha serie de estatísticos como a temperatura máxima media de cada mes ou a precipitación acumulada, o que serve logo para a creación dos climogramas correspondentes. Isto tamén permite comparar estes datos con outras MeteoEscolas do arredor ou coas estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia, así como coas situacións sinópticas mais típicas que afectan a Galicia, dando pé ao desenvolvemento das competencias básicas por parte dun equipo interdisciplinar que pode incluír a profesorado de ciencias da natureza, física, matemáticas, ciencias sociais ou plástica, entre outros. A difusión das actividades realizadas ao abeiro do Programa permitiu trasladar as inquietudes e coñecementos do clima local ao entorno do centro escolar.

14 de xuño de 2014 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.