publicidade hoxe

A Garda Civil realiza unha batida con con cans no lugar que apareceu un coche calcinado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaPetínSucesos
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil realizará este venres unha batida con cans do Servizo Cinolóxico na zona onde na tarde do martes foi localizado un coche calcinado nun monte na Veiga (Ourense), que se investiga se pertence a un cidadán holandés desaparecido en Petín en 2010.

Segundo informou o Instituto Armado, tomáronse mostras do interior e exterior do vehículo localizado, que na mañá deste venres será retirado do lugar.

Así, a investigación “segue o seu curso”, segundo sinalaron as mesmas fontes, que engadiron que durante este venres se fará unha batida pola zona onde apareceu o vehículo con cans.

O mércores un equipo de tres axentes especialistas en investigación ocular acudiron á serra do municipio da Veiga para buscar restos no coche descuberto 24 horas antes nos montes do pobo de Lamalonga, pois o vehículo é un todoterreno marca ‘Chevrolet’ que coincide co de Martín Verfondern, o holandés desaparecido de Petín en xaneiro de 2010.

O vehículo foi achado durante unha inspección rutineira dende un helicóptero na tarde do martes. Sobre as 19,00 horas do mércores chegou á zona coñecida como As Touzas de Azoreira, a 10 quilómetros do pobo de Lamalonga (A Veiga), o equipo especializado da Policía Xudicial, da Dirección Xeral da Garda Civil de Madrid, para buscar rastros e restos de ADN no lugar acordoado.

Dende xaneiro de 2010, en que desapareceu o holandés veciño de Petín, desenvolvéronse varias operacións de busca a cargo de veciños, voluntarios e axentes policiais, a última en marzo de 2014, coa inspección do fondo do encoro de Prada, a poucos quilómetros de Lamalonga, ante a posibilidade de que caese co seu coche.

20 de xuño de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.