publicidade hoxe

A Fundación TIC difunde a Ribeira Sacra a través dunha colaboración con Sober

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSober
A-
A+

A Fundación TIC colabora co Concello de Sober no desenvolvemento do Festival Musical que terá lugar este sábado na Praza do Concello da localidade, e que contará coa actuación estelar do grupo de rock Sôber, contribuíndo deste xeito á difusión da Ribeira Sacra de cara á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. Bolseiros e técnicos da TIC gravarán o festival, que finalizará cun cartel protagonizado por cinco Djs locais. Previamente, o equipo da TIC realizará varios audiovisuais sobre as visitas turísticas que os integrantes desta popular banda de rock farán pola comarca, e que inclúe un paseo en catamarán polos Cañóns do Sil e ós seus miradoiros. Ademais, editarase un DVD que recollerá a xornada íntegra e que o Concello divulgará como material de promoción da comarca no seu portal web e nas redes sociais.

Esta colaboración forma parte do obxectivo da TIC de promover a provincia e as actividades organizadas por todos os Concellos. Outros exemplos recentes desta liña de actuación son a divulgación, a través de diverso material audiovisual, da Festa do Viño Novo de Monforte ou a Feira do Viño de Amandi, de Sober. Deste xeito, tamén se contribúe á formación práctica dos alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, de cara a súa inserción laboral.

A Ribeira Sacra no mundo

Sôber é un dos grupos musicais mais populares do panorama actual do rock español e a súa actuación será, sen dúbida, un gran escaparate para dar a coñecer ós miles de fans que ten o grupo en todo o mundo a riqueza paisaxística e patrimonial que ten a localidade e toda a comarca da Ribeira Sacra.
De feito, a banda compartiu cos seus máis de 35.100 seguidores o cartel promocional do concerto que darán na localidade o día 28 de xuño de forma totalmente gratuíta, por considerarse xemelgos de nome con Sober.

A finais de 2009, o grupo anunciou oficialmente a súa volta tras un parón polo tráxico accidente dun dos seus compoñentes, e faino con Manu Reyes (que naquel momento formaba parte do grupo Savia) como novo batería da banda. Na actualidade, Sôber vén de lanzar o seu novo traballo Letargo, un disco innovador e o primeiro de Europa en 3D.

26 de xuño de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.