publicidade hoxe

A exposición CONtornos abre as súas portas na Sala de Exposicións do Centro de Artesanía e Deseño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoXermade
A-
A+

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada polo Alcalde do Concello de Xermade, Tomás Rodríguez Arias, inaugurou, nun acto que tivo lugar hoxe na Sala de Exposicións do Centrad, a mostra CONtornos, que abriu así as súas portas neste espazso expositivo.

No acto de inauguración, Polín destacou que “é un pracer colaborar co Concello de Xermade e os mestres torneiros para difundir o seu labor de recuperación dos nosos oficios tradicionais. Esta mostra itinerante, que logo do verán percorrerá a provincia, pón en valor o patrimonio histórico e cultural do país e dá a coñecer a nosa tradición artesanal, moitas veces en perigo de desaparición”. Pola súa banda, Rodríguez Arias quixo agradecer a axuda prestada polos responsables da Deputación de Lugo para facer posible a mostra.

CONtornos reúne preto dunha trintena de pezas de madeira, elaboradas coa técnica do torneado polos participantes do Encontro Internacional de Torneiros de Madeira, celebrado na aldea da Fraga, en Xermade. Entre estas pódense atopar diferentes obxectos, tanto decorativos como artísticos, así como outros de uso cotián. Tres dos obxectos presentes nesta exposición foron os galardoados cos premios Contornos 2013, outorgados durante o pasado Encontro.

A mostra permanecerá aberta ó público ata o vindeiro día 31 de agosto na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do Centrad, de luns a venres, en horario de 11:00 a 19:00 horas. A entrada é libre e totalmente gratuíta.

26 de xuño de 2014 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.