publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo investiu 3 millóns de euros en Sober dende o ano 2007

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSober
A-
A+

A Deputación de Lugo leva investidos máis de 3 millóns de euros na mellora e dotación de servizos e infraestruturas do Concello de Sober nos sete anos de goberno de Gómez Besteiro. A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, subliñou neste senso que “o organismo provincial saldou a débeda histórica do canon hidroeléctrico con este municipio. Malia non ter unha sentencia xudicial favorable, Sober recibiu 445.320 euros cos que o Concello puido acondicionar e pavimentar os accesos a diferentes barrios, ademais de acometer o saneamento e abastecemento a outros lugares do municipio e levar a cabo o alumeado público nalgunhas zonas”.

Destacou así mesmo que a Deputación apoia ós veciños de Sober onde non o fai o concello, co plan de Comunidades Veciñais, investindo nos últimos sete anos 170.000 euros en 29 obras, como o acondicionamento das fontes públicas de Barreal, Ferroño, Proencia ou Bocas; e o arranxo de locais sociais, como os de San Pedro de Canaval ou San Martiño de Anllo.

Sober tamén se beneficiou do Plan de Obras e Servizos, que, “por certo, Rajoy deixou de financiar e que continúa adiante grazas á colaboración de Deputación e concellos”, lembrou a deputada. A institución luguesa outorgou, nos últimos anos, máis de 45.000 euros  para realizar o saneamento en Vilastrille de Abaixo, A Senra, Os Pacios San Martiño e Millán, e para abastecer ós barrios de Bertonía, Castaxúa e O Campo, ó tempo que se arranxaban os accesos a estas zonas.

Os froitos da xestión da institución luguesa “están a vista de todos os veciños”, asegurou García Porto, quen lembrou a mellora de 73 quilómetros de estradas provinciais e municipais acometida nos últimos anos, un investimento de 18.000 euros en infraestruturas e servizos do medio rural, o impulso da economía local de Sober grazas á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com ou a subvención que lle outorga á Feira do Viño de Amandi. A Deputada recalcou así mesmo que a institución garante a prestación do Servizo de Axuda no Fogar cunha achega de 8.000 euros nos tres últimos anos, “despois de que Feijóo decidise, dun día para outro, deixar de pagar”.

Plans de aforro provinciais

Por outra banda, Sober estase a beneficiar de iniciativas do organismo provincial que lle reportan grandes vantaxes e aforros, como as seguintes:

- O plan tecnolóxico Innova-Te, grazas ó que aforrou preto de 340.000 euros na implantación da administración electrónica, e, entre outros servizos, conta cunha moderna e accesible páxina web e cunha praza wifi na que os veciños dispoñen de acceso libre e gratuíto a internet.

- Plan de aforro enerxético, co que a Deputación lle fixo gratis una auditoría que ten un custe no mercado de 10.000 euros, e co que dotou, tamén de balde, a dependencias municipais de equipamento eficiente, permitíndolle rebaixar uns 5.000 euros ó ano na factura eléctrica.

- Estudo integral da facturación eléctrica, un proxecto que lle permitirá reducir custes no consumo enerxético e que lle sairá totalmente gratuíto, cando no mercado ten un prezo aproximado de 5.000 euros.

- Sistema de Recadación Provincial, co que evita numerosos custes ó delegar na Deputación os trámites administrativos para o cobro de impostos e taxas municipais, e recibe un anticipo mensual do que recadará a final de ano, o que mellora a liquidez das arcas municipais.

- Os servizos xurídicos da Deputación prestan asistencia ó Concello de forma gratuíta.  

A Deputada de Economía lembrou tamén que a Deputación de Lugo impulsa unha campaña de recollida de firmas para acadar que a Ribeira Sacra, da que Sober forma parte, sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o que supoñerá un importante revulsivo económico e turístico para toda a zona.

García Porto engadiu que o Goberno provincial mantén unha relación fluída co Concello de Sober e co tecido empresarial da zona co “obxectivo compartido” de levar adiante novas actuacións e proxectos que impulsen o seu desenvolvemento socioeconómico.

23 de xuño de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.