publicidade hoxe

A Deputación da Coruña destina 176.000 euros á reparación de camiños en Sobrado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSobrado
A-
A+

O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou nos últimos días un convenio co alcalde de Sobrado dos Monxes, Jacobo Fernández García, polo que a institución provincial achegaralle 176.000 euros ao concello para arranxar diversos camiños no municipio.

En concreto, acondicionaranse varias sendas de Grixalba e Cumbraos, en moi mal estado debido ao tráfico pesado que soporta e á sucesión de temporais deste inverno. Trátase de vías moi utilizados polos veciños destas parroquias, que son as que, segundo o rexedor, “maior forza gandeira teñen”.

O alcalde agradeceu a contribución da Deputación, xa que estas obras “son moi custosas” e resultan imposibles de asumir polo concello. “Temos que recuperar estas estradas para que os veciños non estean sufrindo as incomodidades e os problemas que ocasionan as fochancas”, declarou Fernández García, convencido de que os residentes no contorno “quedarán contentos”.

As obras consistirán no tratamento superficial, rego de selado e limpeza de cunetas, segundo a necesidade da zona. Os traballos centraranse nos camiños de: Casa Camiño-O Cepo, O Cepo-Muradelo, O Cepo-Aldea do Muíño, Campo Verde-Cruce do Outeiro; A Civreira-Guitizá, Vilarchao- límite de Curtis, Codesoso-San Cibrá, Aldea de Arriba (Codesoso do Monte), Aldea de Abaixo (Codesoso do Monte), Codesoso do Monte-Límite de Curtis, Celeiro Alto e  Paraños.

A Deputación asumirá o 80% do orzamento total, que ascende a 220.000 euros.

10 de xuño de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.