publicidade hoxe

A comisión de turismo da Xunta hai un mes que deu o visto bo a que Sober sexa declarado municipio de interese turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, anuncia que o pasado 22 de maio a Comisión de Turismo da Xunta deu o visto bo a que o municipio sexa declarado de Interese Turístico. Agora só resta esperar a que o ratifique o Consello da Xunta, un trámite que se levará a cabo de xeito inminente.

O rexedor afirma que o Goberno local estivo varios meses traballando na elaboración dun completo expediente para que o Concello obteña este recoñecemento. O expediente inclúe información sobre o patrimonio, os recursos paisaxísticos, naturais, culturais, así como dos moitos e bos recursos de servizos turísticos, “un verdadeiro escaparate de toda a riqueza que ten este Concello da Ribeira Sacra e que nos valeu esa distinción que a Xunta nos concede”.

“Levamos anos coidando os recursos dos que dispomos e que puidemos mellorar grazas a axudas da Xunta destinadas ás adegas, as casas de turismo rural ou os miradoiros, elementos fundamentais do noso territorio”, explica. O rexedor ten ademais palabras de agradecemento para a iniciativa privada de mozos empresarios locais que están levando a cabo importantes investimentos en materia de turismo e que tamén se teñen implicado para conseguir esta distinción.

Fóra de prazo e de lugar

Fernández Guitián agradece o apoio amosado onte á declaración pola Deputación de Lugo, aínda que considera que este xesto “está fóra de lugar e de prazo”, cando a distinción “xa é un feito”. O rexedor lamenta ademais non ter contado coa colaboración do organismo provincial cando prepararon o expediente para mandar á Xunta, posto que se lle reclamaron datos dos viaxeiros do catamarán nunha trintena de ocasións e a Deputación non os facilitou. “Tivemos que recorrer ao Consorcio de Turismo para obtelos”, sinala Guitián.

O máximo mandatario do Concello pídelle ao presidente da Deputación que, se de verdade quere facer algo por Sober, acometa unha mellora nas estradas de titularidade provincial que son eixo vertebrador do municipio e se atopan nun estado terceiromundista. Fernández Guitián refírese en concreto á estrada que vai de Sober a Doade e a que vai da capitalidade a Gundivós, “os principais viais de acceso aos nosos recursos turísticos”. “Iso sí que sería un apoio para aplaudir”, conclúe.

21 de xuño de 2014 | 15:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.