publicidade hoxe

Xa poden adquirirse entradas para a cea medieval do XIX Asalto ao Castelo de Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+

Edición tras edición o Asalto ao Castelo de Vimianzo vai consolidando as actividades de máis recente creación. A de máis éxito é sen dúbida a Cea Medieval, que cumpre desta un lustro. Na véspera do día grande da festa celébrase unha concorrida velada ambientada no medievo na que se pode degustar un menú propio da época no mesmo foxo do castelo. Cada ano medran as peticións de entradas, porén o espazo é reducido xa que non se poden reunir máis de 300 comensais.

Ao igual que o ano pasado, o sistema de venda de entradas para a V edición da Cea Medieval (4 de xullo) divídese en dous prazos (mantense o prezo de 20 €):

1) Haberá un primeiro prazo de venda de entradas para patrocinadores e colaboradores. Este prazo rematará o 1 de Xuño. O número máximo de entradas que se poden comprar é de 2 por persoa. As entradas terán que ser solicitadas a Óscar Santos (686605380 – festa@asaltoaocastelo.org).

A xente que aínda non estea identificada como axudante e desexe botar unha man, pode anotarse a través de Óscar Santos e, ao mesmo tempo, para comprar entradas para a cea se o considera oportuno.

2) A partir do 2 de xuño e até esgotar existencias poranse á venda as entradas que queden libres, cun tope máximo de 300. O máximo número de entradas a sacar nesta fase será o de 4 por persoa. Os puntos de venda serán os seguintes: a Casa da Cultura de Vimianzo; a Administración de Lotaría de Vimianzo; ou se non, de maneira virtual, a través do portal de venda online www.servinova.com.

Con todo, quen non poida asistir á Cea, terá ocasión igualmente de gozar dunha actividade teatral e outra musical a partir da unha da madrugada, cando se abran as portas a todo o público que queira asistir, de balde.

Gala-casting

Todos estes detalles máis outros serán revelados na Gala-Casting que se celebrará o sábado 31 de maio no Auditorio de Vimianzo ás 20.30h. Nela revelarase o cartel, concertos e as novidades preparadas para celebrar a XIX edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo.

Feira artesanal

Noutra orde de asuntos, aproveitamos a ocasión para lembrar que está aberto o prazo para apuntarse á Feira Artesanal que se realiza no mesmo sábado do Asalto (5 de xullo). Para participar non hai máis que cubrir a ficha que está na web da festa www.asaltoaocastelo.org/actividades-paralelas/feira-artesania ou cubrindo un formulario de inscrición no Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo (o cal tamén poden descargar na páxina xa citada).

12 de maio de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.