publicidade hoxe

Unhas 60 persoas melloraron a súa empregabilidade no programa de emprego de Bergondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondo
A-
A+

O programa integrado de emprego ‘Rural-Emprende’ vén de clausurarse hoxe en Bergondo (A Coruña) coa participación dun total de 60 persoas que se formaron e melloraron a súa empregabilidade a través desta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar. Para esta actuación, en concreto, o departamento autonómico destinou preto de 44.000 euros. Tomaron parte nesta actuación persoas sen emprego pertencentes aos colectivos máis vulnerables, como son persoas con discapacidade, mulleres, menores de 30 anos, persoas desempregadas de longa duración e inmigrantes, dos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Paderne e Sada.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, clausurou hoxe a iniciativa, que contou con máis de 300 horas de formación, e entregou os diplomas aos participantes, que contaron cun espazo web específico e creado ad hoc no que se incluíu información relativa a todos os aspectos relacionados co proxecto. Os alumnos e alumnas, ademais, puideron conciliar a vida familiar e laboral para participar no programa integrado de emprego, xa que se ofertaron distintas posibilidades de asistencia persoal, así como apoio on line.

O obxectivo da iniciativa, tal e como explicou Díaz López, é converterse nunha Escola-Viveiro de Emprendemento no Rural, de maneira que poida supor un punto permanente de asesoramento a emprendedores neste eido. Así, todos os participantes nos distintos programas de formación e inserción laboral poderán dispor, unha vez finalizados os seus respectivos programas específicos, dunha referencia onde acudir para a procura de apoio e asesoramento en aspectos como o acceso a terras e infraestruturas de produción, viveiro de especies hortícolas autóctonas, implantación de pequenas industrias agroalimentarias, elaboración de plans de empresa ou creación dunha marca de calidade para os produtos do territorio.

A directora xeral puxo hoxe en valor a porcentaxe de inserción laboral que se acada nos Programas integrados de emprego, iniciativas que se caracterizan por elaborar “itinerarios integrais” para as persoas, que combinan accións de información, orientación, asesoramento, formación, práctica laboral e intermediación coas empresas.

Ademais da inserción laboral e da mellora da empregabilidade dos participantes, que é o principal obxectivo, Díaz López subliñou que estas iniciativas permiten tamén abrir espazos de colaboración cos concellos, ao igual que os obradoiros de emprego.

19 de maio de 2014 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.