publicidade hoxe

Un total de 22 desempregados formáronse en Sarria en atención sociosanitaria, xardinería e albanelería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSarria
A-
A+
Raquel Arias na clausura do obradoiro

Raquel Arias na clausura do obradoiro

Un total de 22 alumnos en situación de desemprego participaron no obradoiro de emprego de Sarria na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes, xardinería e albanelería.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entregou hoxe, xunto co alcalde da localidade, José Antonio García, os diplomas acreditativos aos participantes desta iniciativa mixta de formación e emprego, na que o departamento autonómico investiu preto de 200.000 euros.

A representante do Executivo galego na provincia indicou que o obradoiro ofrece numerosas vantaxes. A primeira de todas elas, é que os alumnos poden acceder a un posto de traballo e, ao mesmo tempo, ofrécelles unha formación teórica e práctica de calidade. De feito, Arias lembrou que “os participantes obtiveron un certificado de profesionalidade, que acredita a súa cualificación, enriquece o seu currículo e mellora a súa empregabilidade”.

Ademais, este obradoiro permite “axudar de forma directa aos máis vulnerables” e constitúe “un importante xacemento de emprego de presente e futuro”, tal e como corroboran os datos de inserción laboral máis recentes, que reflicten que a inserción dos participantes nos cursos de atención sociosanitaria en institucións acadou o 52% en Galicia.

Arias lembrou que o Goberno galego mantén unha firme aposta por estes programa mixtos de formación e emprego. Durante o presente ano, desenvolvéronse en Galicia 50 obradoiros, grazas a un investimento de máis de 9,5 millóns de euros. Deste global, na provincia de Lugo puxéronse en marcha nove obradoiros, que contaron cun investimento de 1,7 millóns de euros e nos que tomaron parte preto de 250 persoas entre alumnas e alumnos, monitores e persoal de administración, expuxo a delegada.

Arias salientou que na edición deste ano, os obradoiros supuxeron tamén un exemplo de cooperación entre concellos, pois estes nove obradoiros agruparon os esforzos conxuntos de 21 concellos da provincia de Lugo, o que permite acadar a “máxima eficacia e eficiencia dos investimentos públicos”.

19 de maio de 2014 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.