publicidade hoxe

Un total de 20 desempregados de Celanova, Bande e Verea fórmanse nun obradoiro para dinamizar o Camiño de San Rosendo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeCelanovaOurenseVerea
A-
A+
A conselleira Beatriz Mato na entrega de diplomas

A conselleira Beatriz Mato na entrega de diplomas

Un total de 20 persoas sen emprego dos concellos de Celanova, Bande e Verea vén de formarse no obradoiro de emprego ‘Camiño de San Rosendo’ que tivo como obxectivo principal dinamizar esta ruta natural que une a fronteira de Portugal, na serra do Xurés, coa capital ourensá, atravesando as comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova, ata enlazar en Ourense coa Vía da Prata.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, clausurou hoxe en Celanova e entregou os diplomas aos participantes neste programa mixto de formación e emprego, que o departamento autonómico financiou con máis de 175.000 euros.

Os alumnos e alumnas formáronse nas especialidades de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais, en confección e publicación de páxinas web, venda de produtos e servizos turísticos e en promoción turística local e información ao visitante. Grazas a esta formación, os participantes no obradoiro puxeron en valor os recursos turísticos naturais e patrimoniais dos concellos de Bande, Verea e Celanova apostando, deste xeito, por un turismo sustentable e de calidade.

A formación que recibiron os alumnos e alumnas foi, segundo Mato, de calidade e certificada, unha actuación que afirmou ser básica para conseguir crear novas oportunidades para os traballadores e traballadoras galegos.

“Galicia necesita profesionais cualificados para seguir incrementando a competitividade das empresas galegas”, apuntou Mato, quen destacou, ademais, que os obradoiros de emprego, ademais de ofrecer unha formación de calidade, abren “un importante espazo de colaboración entre os concellos e a Xunta”.

Por último, destacou que a Xunta ten na actualidade en marcha en toda Galicia un total de 50 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 9,5 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia de Ourense puxéronse en marcha 11 obradoiros que contaron cun investimento de 2 millóns de euros. Neles están a tomar parte 274 alumnos e alumnas.

Por último, Mato indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.

22 de maio de 2014 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.