publicidade hoxe

Toño Casais será o encargado de elixir a irmandiños e señores feudais na III Gala-Casting do Asalto ao Castelo de Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVimianzo
A-
A+

A pouco máis dun mes para o XIX Asalto ao Castelo de Vimianzo (5 de xullo), na tarde do sábado farase público o cartel de actividades desta edición nunha Gala chea de sorpresas e humor. Ademais celebrarase un especial casting para a busca de actrices e actores.
Ás 20.30 deste sábado (31 de maio) na Casa de Cultura de Vimianzo celébrase unha nova edición desta festa musico-teatral que pretende acadar un maior seguimento, implicación e apoio do público. Unha vez que xa se desvelou que actuarán Kepa Junkera e Susana Seivane, os responsables da organización farán a presentación do cartel artístico do asalto, da obra teatral, vídeos promocionais, actividades paralelas, concertos… Todo envolto na maxia do teatro, música, humor e sorpresa.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, a A.X. Cherinkas quere involucrar aos veciños da comarca e arredores para que se presenten ás probas que están abertas a todo o mundo, delas sairán as actrices e actores que encarnarán aos defensores da fortaleza, aos nobres tiranos e por suposto ás heroínas e heroes irmandiños. Todas levarán a Revolta Irmandiña a derrubar a fortaleza dos Moscoso a noite do sábado 5 de xullo.

Como gran novidade, este ano Toño Casais, de Talía Teatro, é o director e creador da representación irmandiña da noite do Asalto. A profesionalidade de Casais maila espontaneidade das actrices e actores amadores de seguro que han de crear algo digno de ver.

30 de maio de 2014 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.