publicidade hoxe

Rois homenaxea aos veciños máis ilustres na festividade de San Isidro Labrador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRois
A-
A+
Rosa Quintana na Festa de San Isidro en Rois. Foto: X. Crespo

Rosa Quintana na Festa de San Isidro en Rois. Foto: X. Crespo

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o labor das persoas e colectivos homenaxeados na localidade coruñesa de Rois con motivo da celebración de San Isidro Labrador, patrón desta vila.

Rosa Quintana comezou por recoñecer a traxectoria de José Rivas Mato, ilustre roisense, a quen se lle fixo homenaxe neste acto por toda unha vida dedicada a honrar o seu pobo.

A continuación, a conselleira sinalou os méritos do pregoeiro deste ano na festa de San Isidro, o ciclista –xa retirado– Jesús Blanco Villar, de quen dixo que “foi quen de levar o nome e o espírito de Rois por todos os países nos que competiu”.

A titular de Medio Rural e Mar tivo tamén palabras para a asociación Amipa, que agrupa a persoas con discapacidade, polo seu labor social. Deste colectivo dixo que “sodes un verdadeiro exemplo de coraxe e gañas de facer as cousas, de saír adiante”. En particular, a conselleira referiuse a diferentes iniciativas impulsadas por esta asociación, como son a posta en marcha dunha horta ecolóxica, o posto de venda de produtos do agro no mercado de Padrón ou os produtos que conseguiron o selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Desta asociación Amipa, Rosa Quintana salientou tamén que son “persoas concienciadas, posuidoras dun corazón moi especial que dedican o seu tempo e o seu saber facer a coidar e instruír aos menos favorecidos”.

15 de maio de 2014 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.