publicidade hoxe

Publícase o decreto de expropiación para a construción do aparcadoiro disuasorio en Domaio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun aparcadoiro disuasorio en Domaio, no Concello de Moaña.

Iníciase así o proceso expropiatorio, requisito necesario para proceder a execución das obras que se poderán iniciar ao longo do segundo semestre de 2014, nun resto da estrada PO-551.

Deste xeito, porase en valor unha parcela de 1.500 metros cadrados na zona na antiga estrada PO-531, nas proximidades da glorieta de unión entre a estrada PO-551 e o Corredor do Morrazo.

A actuación é consecuencia do Plan de aparcadoiros disuasorios que pretende fomentar o transporte público e as viaxes compartidas nos entornos metropolitanos, co fin de avanzar cara unha mobilidade sustentable, e ir da man dos obxectivos marcados na estratexia de Europa 2020.

As obras valoradas en máis de 150.000 euros están centradas na construción de 32 prazas de aparcadoiro (31 prazas normais +1 praza para persoas de mobilidade reducida).

Mobilidade sustentable

Unha das liñas fundamentais da Consellería de Medio Ambiente é o fomento dunha mobilidade sustentable, é dicir, un modelo de mobilidade baseado no uso de modos colectivos e outros xeitos alternativos ao emprego indiscriminado do coche, tanto no ámbito interurbano e metropolitano. No marco destas actuacións sitúase a promoción dos aparcadoiros disuasorios como elementos que van permitir o aforro enerxético e unha redución da pegada de carbono por medio do fomento do transporte público e das viaxes compartidas (car-pooling).

Estes espazos pretenden reducir a conxestión de tráfico, promover o uso do transporte sustentable e incrementar a eficiencia no emprego do transporte e das infraestruturas. Con este proxecto a Xunta pretende diminuír o tempo de desprazamento ao obter a máxima eficiencia en cada etapa de viaxe; potenciar o uso do transporte público e evitar a mobilidade en vehículo privado en vías e zonas conxestionadas.

As actuacións formuladas no plan para potenciar o uso dos aparcadoiros disuasorios consistirán, entre outras, na posta en marcha dunha sinalización común para todos de xeito que os cidadáns os identifiquen claramente nos accesos ás cidades. Ademais, acordarase cos concellos as modificacións necesarias na oferta de transporte para conectalo adecuadamente coas áreas de intercambio modal, e poranse en marcha vantaxes como unha tarificación conxunta para o intercambio entre o vehículo privado e o transporte público.

20 de maio de 2014 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.