publicidade hoxe

Os viños de Monterrei mostran o seu sabor máis solidario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiOurense
A-
A+

Os viños de Monterrei ultiman os detalles da súa participación en dous novos eventos, o encontro do voluntariado ourensán de Cruz Vermella e en “Cociñeiras con Estrela”, este último destinado a reunir fondos na loita contra o cancro de mama.

XV Encontro Provincial de Voluntariado de Cruz Vermella

Deste xeito mañá, ás 12.30 h no claustro do Convento dos Mercedarios de Verín, as principais marcas da denominación presentaranse ante a directiva de Cruz Vermella que, tras celebrar a entrega de distincións e inaugurar a súa nova sede comarcal, coñecerán de primeira man os viños que se elaboran nesta denominación. Farano a través dun túnel do viño, onde poderán degustar distintas elaboracións brancas e tintas, da actual colleita 2013, así como facer un pequeno percorrido por colleitas anteriores para así avaliar a súa evolución. Ao mesmo tempo, experimentarán a riqueza varietal do territorio, a través de viños monovarietales e diferentes coupages de uvas autóctonas que confiren a esta rexión unha gran diversidade.

Máis tarde, a cita será co conxunto do voluntariado, acompañando ao menú que se servirá no Parador de Verín para as case duascentas persoas que reunirá este evento. Alí todos brindarán cos viños brancos e tintos de Monterrei durante a comida de cofraternización que porá fin á xornada.

Cociñeiras con Estrela

Do mesmo xeito, o próximo 20 de maio, Monterrei colaborará no evento gastronómico “Cociñeiras con Estrela”, a unión desinteresada de seis cociñeiras (con 5 estrelas Michelin e 8 soles da guía Repsol) para recadar fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro.

Fina Puigdevall, Begoña Rodrigo, Macarena de Castro, Yolanda León, Aizpea Oihaneder e a galega Beatriz Sotelo, acompañadas polo chef Kike Piñeiro, encabezarán o cartel da xornada gastronómica que acollerá o Pazo de Mella (A Coruña) e que estará organizada en dúas etapas, un show cooking para 175 persoas, aberta á participación de público, e unha cea privada.

9 de maio de 2014 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.