publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os centros que levan o nome de Curros Enríquez reúnense en Celanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal Portada
A-
A+

Celanova acolle o martes, 20 de maio, por quinto ano unha Xornada de convivencia dos centros Curros Enríquez de Galicia. Esta actividade, que está organizada pola Fundación Curros Enríquez e na que colabora o Concello de Celanova, pretende reunir periodicamente en Celanova aos alumnos dos centros que levan o nome do poeta e realizar actividades na súa vila natal.

Este ano a novidade será a realización de dúas xornadas, sendo esta a primeira na vila natal de Curros Enríquez e a segunda o 5 de xuño na cidade da Coruña, onde se atopan os restos do vate celanovés.

Participarán escolares de 5º e 6º de primaria dos centros CEIP Curros Enríquez da Coruña, CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén, CEIP Curros Enríquez de Celanova e CPR Sagrado Corazón de Celanova.

Ás 11.30 da mañá terá lugar a recepción dos dous centros foráneos participantes na Praza Maior da vila por parte dunha representación da Fundación Curros Enríquez e do Concello de Celanova.

Mañá: Coñecemento da vila de Celanova

Ao longo da mañá os 90 alumnos procedentes da Coruña e Pazos de Borbén participarán no programa de concertos didácticos de órgano que organiza o Concello de Celanova en colaboración coa Xunta de Galicia e realizarán as visitas á Casa dos Poetas e a capela de San Miguel.

Tarde: Coñecemento da obra dos autores de Celanova e dos arredores de Celanova

Tras un xantar de convivencia no que se incorporarán xa alumnos dos dous centros de Celanova, os máis de 150 participantes totais trasladaranse ó Auditorio Municipal ‘Ilduara’ de Celanova (sobre ás 15.30) para realizar uns Xogos Literarios consistentes en teatro de títeres e realización de versións musicadas e cantadas de poemas de Manuel Curros Enríquez como ‘A Rosalía’, ‘Ahí ven o maio’ ou ‘Unha noite na eira do trigo’

Posteriormente (a partir das 17 horas) realizaranse visitas a Vilanova dos Infantes e Castromao.

19 de maio de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.