publicidade hoxe

Os campos de traballo da Laracha e Ponteceso ofertarán 60 prazas para xóvenes no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal PortadaPontecesoXuventude
A-
A+

Os dous campos de traballo da Laracha e o de Ponteceso ofertarán este verán un total de 60 prazas -20 cada un- destinadas a mozos e mozas menores de 30 anos. Para estas iniciativas, a Consellería de Traballo e Benestar investirá un total de 165.000 euros.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou hoxe senllos acordos de colaboración co concello da Laracha e coa Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso. Durante o acto, Mato destacou que estes proxectos supoñen unha “excelente ferramenta de educación non formal”, xa que “son accións voluntarias, promoven a participación e a implicación, e fomentan a mobilidade”.

A Laracha será o único concello de Galicia que dispoña de dous campos de traballo: o de “Concha de Acheiro” e “Conca do Bradoso”. Ambos centraranse en labores medioambientais, etnográficos e patrimoniais, a través do coidado do contorno e o acondicionamento dos muíños de río.

Pola súa banda, Ponteceso ofrecerá 20 prazas no campo Areoso Val de Bergantiños. O seu labor centrarase no acondicionamento e mellora da praia de Valarés e o seu contorno.

Estes proxectos desenvolveranse nos meses de xullo e agosto, e celebraranse en quendas de entre 12 e 15 días.

Estas prazas forman parte das 649 que ofertará Galicia na campaña de verán. Deste total, 400 serán de acollida en Galicia, distribuídas en 14 campos de traballo, o que supón unha oferta un 30 por cento superior á do ano pasado. Cabe destacar, ademais, que seis dos 14 campos de traballo –125 prazas- que hai en Galicia corresponden á provincia da Coruña.

A maiores, os mozos e mozas galegas poderán optar a 249 prazas fóra de Galicia, das que 101 son noutras comunidades autónomas e 148 en campos internacionais de 27 países.

Estas iniciativas enmárcanse dentro da Campaña de Verán de 2014, a máis importante en número de prazas a nivel de todo o Estado. En total, serán este ano un total de 8.265 prazas, que se distribúen en campos de traballo, albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre. O orzamento é de máis de 2,3 millóns de euros, e permitirá tamén a contratación de 900 monitores e directores de tempo libre.

20 de maio de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.