publicidade hoxe

O rexedor de Pol ve aos seus veciños “máis tranquilos” tras manter en prisión ao ‘violador do estilete’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPol
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Pol (Lugo), Lino Rodríguez, asegurou este venres que os veciños do municipio lucense están máis tranquilos tras ratificar a Audiencia Provincial manter en situación de prisión provisional a Félix Vidal Anido, coñecido como o ‘violador do estilete’, ata que sexa xulgado.

Vidal Anido ingresou en Bonxe o pasado 12 de abril, apenas catro meses despois de saír do cárcere pola anulación da ‘Doutrina Parot’ por un delito de coaccións a unha muller á que supostamente abordou cando entraba no seu domicilio na cidade de Lugo.

“Neste momento a xente está máis tranquila porque era un problema social que temos aí e ao ver que segue no cárcere a xente está máis tranquila”, remarcou o alcalde, antes de engadir que os pais de Vidal Anido “non entenden iso”. “Pero teñen que darse conta de que o problema é para a sociedade”, apostilou.

Vidal Anido trasladouse á localidade lucense tras saír de prisión, en decembro do pasado ano, e empezou a residir no domicilio dos seus pais, na parroquia de Santo Andrés de Ferreiros.

Neses catro meses, o alcalde de Pol sinalou que na zona “se comportaba normal”. “Veu en decembro e a verdade é que se comportaba normal. Eu víao moi pouco, pero víalle moi normal”, relatou o rexedor.

Por último, Rodríguez destacou que os pais de Vidal Anido “seguen confiando na súa inocencia, pero cando a Audiencia e a xuíza viron no primeiro momento que foi recoñecido (pola vítima) ten que estar alí polo ben dos veciños e de toda a sociedade”.

DECISIÓN DA AUDIENCIA

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo ratificou este xoves manter en situación de prisión provisional a Félix Vidal Anido nun auto no que acorda confirmar a decisión do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, medida que defendía tamén a Fiscalía.

Entenden os maxistrados da Audiencia, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que a “valoración realizada na resolución apelada ha de entenderse acertada”.

Sinala o auto, ademais, que “do contido das actuacións se derivan indicios coa suficiente entidade para que poida presumirse a existencia dunha infracción penal”. Sen prexuízo de que se poida variar a cualificación, en principio impútaselle un delito de coaccións, segundo concretan as mesmas fontes xudiciais.

9 de maio de 2014 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.