publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O programa de fomento da lectura ‘Ler conta moito’ despide maio con actividades en 18 concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAntas de UllaCarralCedeiraCeeGaliciaLugoMalpica de BergantiñosMiñoOrdesOurensePadrónPontecesoPontevedraRianxoRiveiraSantiago de CompostelaTeoXermadeZas
A-
A+

O programa ‘Ler conta moito’ da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chega esta semana ás bibliotecas municipais de Cedeira, Padrón, Zas, Teo, Ponteceso, Lugo, Cee, Ourense, Miño, Xermade, Santiago de Compostela, Antas de Ulla, Malpica de Bergantiños, Ordes, Pontevedra, Carral, Rianxo e Ribeira con diversas actividades para a dinamización da lectura, dirixidas a bebés, nenos e nenas, mocidade e público adulto.

As propostas para esta semana comezaron hoxe na biblioteca municipal de Cedeira, na provincia da Coruña, onde Migallas Teatro ofreceu unha sesión da actividade ‘Os contos do chupete’. Música en directo, teatro e narración oral integran esta proposta dirixida a bebés de 0 a 3 anos. O martes 27 de maio, ‘Ler conta moito’ visitará, ás 18:00 horas, os concellos de Padrón e de Zas coa actividade ‘Aventuras na cociña’. Este contacontos teatral para nenos e nenas entre 3 e 8 anos, a cargo de Trinketrinke Teatro e protagonizado polos ‘ratos’ da biblioteca, promove a lectura e os hábitos saudables na alimentación a través dos contos.

O programa de fomento da lectura promovido por Cultura e Educación, en colaboración cos concellos, tamén estará o xoves 29 na biblioteca municipal de Ponteceso, ás 11:30 horas, coa actividade ‘Os contos do chupete’. Ese mesmo día, ás 19 horas, a biblioteca municipal de Lugo acollerá ‘O misterio do pirata Benito Soto’, unha actividade coa que os nenos e nenas a partir de 3 anos poderán gozar a través da oralidade e da ilustración, xa que a proposta inclúe un obradoiro de debuxo de temática pirata.

A xornada do día 29 complétase en Cee, ás 12 horas, con ‘O libro da selva’, unha actividade de dinamización da lectura con música, teatro e danza para nenos e nenas a partir de 3 anos, na que Títeres Cachirulo abordan a adaptación das persoas a diferentes medios, a emigración e a inclusión de xente procedente doutras culturas.

Creación de audiolibros para o público adulto

De cara á fin de semana, ‘Ler conta moito’ percorrerá Galicia a través de diversos concellos. O venres 30 de maio levará á capital de Galicia un obradoiro no que o público adulto poderá participar na creación dun audiolibro. ‘Mamá e papá nos audiolibros. Obradoiro de gravación de audiolibros infantís’ é o títilo desta actividade, que terá lugar das 18 ás 20 horas na biblioteca municipal do Centro Sociocultural de Fontiñas, en Santiago de Compostela.

Ás 18:30 horas, esta biblioteca tamén será o escenario da proposta ‘O lapis máxico’, un obradoiro creativo de propostas escénicas a cargo de Teatro Buratini no que nenos e nenas a partir de 6 anos poderán descubrir os segredos dunha representación teatral.

Outra das propostas das xornada chegará, ás 18 horas, á Biblioteca Eduardo Blanco Amor de Malpica de Bergantiños, onde a oralidade será a protagonista da actividade ‘Babamor’, para nenos e nenas entre 4 e 12 anos, con historias familiares recollidas por Babamá.

‘Merenda’ con pan de millo, lecturas e música

O proceso de elaboración do pan de millo será o fío condutor doutra das actividades da semana de ‘Ler conta moito’, cunha proposta na que Migallas Teatro, a partir do libro-disco ‘Pan de millo’, editado pola Editorial Kalandraka, lles achegará o libro e a lectura aos nenos e nenas de entre 4 e 12. A actividade, que se presenta baixo o título ‘Merenda con pan de millo’, ofrecerá en Teo unha sesión o día 30, ás 18 horas. Á mesma hora, a biblioteca do municipio coruñés de Miño contará con ‘Palma repalma’, unha sesión de contos, arrolos cantos e ladaíñas para bebés de 0 a 3 anos, a cargo de Pavís Pavós; e a biblioteca municipal de Carral acollerá a actividade ‘Aventuras na cociña’.

A programación de ‘Ler conta moito’ tamén chegará o día 30 de maio, ás 18:30 horas, ao municipio de Ordes con ‘Érase unha vez uns zapatos…’, unha actividade para nenos e nenas de 4 a 12 anos na que Fátima Fernández porá de relevo o papel dos zapatos no mundo dos contos a través de historias como a ‘Cinsenta’ e ‘O gato con botas’.

Contacontos, monicreques e maxia

Ás 15:30 horas, na biblioteca municipal de Antas de Ulla, en Lugo, os máis pequenos poderán gozar cos libros e a lectura a través do espectáculo ‘Conto contigo’, unha proposta con contacontos, monicreques, maxia, trabalinguas e cancións para nenos e nenas de 4 a 11 anos. Ás 18 horas, na biblioteca nodal de Lugo, será a quenda de ‘Palabras confeitadas’, unha actividade para iniciar os bebés de 0 a 3 anos no mundo dos libros a través dos sentidos, da palabra e dos obxectos.

A xornada completarase con ‘O misterio do pirata Benito Soto’, ás 19 horas na biblioteca municipal de Rianxo, e coa actividade ‘A orixe’, a través da que unha exploradora compartirá cos nenos e nenas, a partir de 5 anos, que se acheguen á Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra as lendas escoitadas nas súas expedicións polo mundo. Será ás 18 horas na sala infantil.

A programación do mes de maio de ‘Ler conta moito’ pechará o sábado 31 con tres propostas. Ás 12 horas, a biblioteca municipal de Xermade acollerá ‘Palabras confeitadas’ e, á mesma hora, realizarase o contacontos ‘Libros contentos’ na biblioteca municipal de Ribeira. Finalmente, os nenos e nenas de 7 a 14 anos poderán participar no obradoiro creativo ‘Construímos os nosos contos ilustrados’, ás 11:30 horas na biblioteca nodal de Ourense, onde terán ocasión de descubrir este proceso de creación, desde a escrita do texto, á realización de ilustración, o deseño da páxina, a montaxe e a encadernación.

O blog de ‘Ler conta moito’

A axenda con todas as actividades de ‘Ler conta moito’ pode consultarse na páxina web rbgalicia.xunta.es. Ademais, o programa dispón dun blog no que as bibliotecas recollen e comentan os eventos realizados para fomentar a lectura entre a cidadanía, accesible en http://blogs.xunta.es/lercontamoito/.

Preto de 800 actividades nas catro provincias

A segunda edición do programa, que se desenvolve desde o pasado mes de marzo ata o vindeiro mes de outubro, inclúe unha programación de 773 eventos a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, con diversas propostas para achegarlle á cidadanía, especialmente ás franxas de poboación máis novas, os libros e a lectura.

26 de maio de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.