publicidade hoxe

O premio do concurso-exposición Letras Galegas 2014 recae no CEIP plurilingüe Lagostelle de Guitiriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLocal Portada
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fíxolle entrega esta mañá do premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro ao CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz, acadado na modalidade de infantil e primaria polo traballo “Esmeralda”.

“É unha satisfacción entregar este premio no concello onde naceu e onde pasou tamén os derradeiros anos da súa vida o autor homenaxeado este ano o 17 de maio. Seguramente Xosé María Díaz Castro estaría orgulloso do voso traballo e abofé que quedaría impresionado pola vosa capacidade para concentrar nestes carteis –en nove imaxes acompañadas de textos breves pero moi representativos- toda a súa vida e toda a súa obra. Como mestre que tamén foi, sabería apreciar as horas de traballo que hai detrás da mostra premiada e, dada a súa humildade, quedaría seguramente moi agradecido polo recoñecemento que lle brindades co voso esforzo”, dixo García Gómez durante a súa intervención.

Participaron no acto canda o secretario xeral o rexedor municipal, José María Teixido Núñez; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación en Lugo e o director do CEIP. O grupo de traballo que participou na confección do proxecto recibiu un premio en metálico por importe de 2.500 euros e un diploma acreditativo.

As láminas, a guía didáctica e os marcapáxinas que conforman este proxecto están accesibles en http://www.xunta.es/linguagalega/xose_maria_diaz_castro#Primaria.

Promover o coñecemento de Xosé María Díaz Castro entre o alumnado

O departamento dirixido polo conselleiro Vázquez Abad contribúe deste xeito, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, á conmemoración do Día das Letras Galegas 2014 desde os centros de ensino non universitarios da súa titularidade, convocando anualmente un concurso-exposición arredor da figura homenaxeada, nesta ocasión, a de Xosé María Díaz Castro.

Con esta iniciativa, a Consellería quere impulsar o estudo da obra de Xosé María Díaz Castro, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico do autor, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e fornecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.

14 de maio de 2014 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.