publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O obradoiro ‘Río Arnoia’ ofreceu formación e emprego a 20 veciños da Merca, Cartelle e Ramirás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA MercaCartelleLocal PortadaOurenseRamirás
A-
A+
Beatriz Mato na clausura do obradoiro

Beatriz Mato na clausura do obradoiro

O obradoiro de emprego ‘Río Arnoia’ ofreceu formación e un posto de traballo a 20 persoas en situación de desemprego dos concellos da Merca, Cartelle e Ramirás. En concreto, os alumnos e alumnas recibiron unha preparación de calidade nas especialidades de albanelería e agricultura ecolóxica, o que permitiu restaurar e mellorar infraestruturas públicas dos tres concellos e o desenvolvemento de actividades vinculadas á agricultura ecolóxica.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entregou hoxe na Merca os diplomas aos participantes neste programa mixto de formación e experiencia laboral no que Traballo investiu máis de 175.000 euros.

A titular do departamento autonómico destacou que, ademais dos diplomas, os alumnos e as alumnas reciben un certificado de profesionalidade que acredita a súa cualificación, ao tempo que enriquece o seu currículum e mellora a súa empregabilidade. “Desde a Xunta apostamos por unha formación de calidade e certificada, xa que é básica para conseguir crear novas oportunidades para os nosos traballadores e traballadoras”, apuntou.

Así mesmo, Mato lembrou que os obradoiros de emprego, ademais de ofrecer unha formación de calidade, abren un espazo de colaboración entre os concellos e a Xunta, ao tempo que están directamente ligados á realización de obras de interese para a comunidade.

Por último, destacou que a Xunta ten na actualidade en marcha en toda Galicia un total de 50 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 9,5 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia de Ourense puxéronse en marcha 11 obradoiros que contaron cun investimento de 2 millóns de euros. Neles están a tomar parte 274 alumnos e alumnas.

Por último, Mato indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.

14 de maio de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.