publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O fiscal retira os cargos contra o alcalde de Pedrafita e rebaixa as penas na causa das multas

Europa Press

O fiscal rebaixou a petición de penas na causa sobre a suposta retirada irregular de multas e retirou os cargos contra o alcalde de Pedrafita (Lugo), José Luis Raposo.

Dos 23 procesados, Raposo foi ao único ao que se lle retiraron os cargos por parte da Fiscalía, polo que escoitou emocionado e con bágoas nos ollos as conclusións do fiscal que elevou a definitivas.

O macroxuízo que se celebrou na sección segunda da Audiencia Provincial, continuouse este xoves coa declaración de 14 testemuñas, nove deles axentes da Garda Civil de Tráfico.

Tras os testemuños, procedeuse á lectura dos informes das partes, rebaixando considerablemente as penas que interesaba o fiscal, ata o punto que ao exsubdelegado do goberno, Jesús Otero, lle reduciu dos sete anos iniciais de prisión a un ano e tres meses polos delitos de falsidade e tráfico de influencias.

As penas máis altas requiriunas para o exxefe de tráfico, Xullo González, e unha funcionaria, para os que solicitou tres anos de prisión para cada un deles, polo delito continuado de falsidade.

OUTRAS PETICIÓNS

Para o exdeán da catedral, Luciano Armas, interesou seis meses de prisión, ao igual que para o exxerente do hospital e exparlamentario autonómico Miguel Ángel Fernández; tres meses para que fose concelleiro de tráfico no Concello de Lugo, José Rabade, e para o exdelegado de Cultura durante o bipartito da Xunta, Juan José Molina.

Á súa vez, para o alcalde de Muras, o popular Isaam Algam Azaam, e o exalcalde de Meira, Antonio de Dios, requiriu a acusación seis meses de prisión por tráfico de influencias en todos estes casos, nos que inicialmente solicitaba máis dun ano de cárcere.

RAPOSO, “SATISFEITO”

Unha vez fóra da sala, o alcalde de Pedrafita confesou que “sempre” crera na Xustiza e que segue crendo. Mostrou a súa “satisfacción” por verse libre desta acusación, porque “nunca” pasou pola Audiencia e tivo que facelo, ante o que deu as grazas aos veciños que lle apoiaron, aos alcaldes “amigos que cando falaban” con el “entrecortábaselles a fala” e a outras persoas que falaron con el, “mesmo de fóra de España”, mostrándolle “o seu apoio”.

Igualmente, expresou o seu desexo de que “compañeiros” que sentaron no banco que “non ten nada que ver con moitas cousas, algún día saian absolvidos e libres” como el este xoves.

“O traballo de 28 anos pensei que se podía esborrallar nun momento. Eu tiña a confianza en que ía ser como foi o día de hoxe e, bo, sigo crendo na xustiza, nas persoas e en moitos cargos públicos que prestan un gran traballo”, subliñou.

Raposo, que deixou o Partido Socialista para facer fronte ao procesamento, dixo que “hoxe”, por este xoves, non era o momento de “falar” sobre a súa volta.

Apelou a que o PSOE “está a pasar o momento que está a pasar”. “Eu quixese volver ao Partido Socialista como cando entrei hai 30 anos, como funcionaba o Partido Socialista. Espero que saiban reflexionar, e espero que as cousas funcionen e se funcionan non sei o que farei, tempo ao tempo,” explicou. “Non é hoxe o momento de dicir esas cousas. Falar hoxe do partido non me apetece”, resolveu.

Tampouco aclarou se repetirá o próximo ano nas municipais, remarcando que prestou “un servizo público durante moitos anos”. “Non sei o que farei no futuro, aínda que podo estar uns anos máis para poder seguir prestándoo,”, indicou. “De aquí a un ano non ao que pode pasar”, resolveu.

Antes de entrar na sala, o exsubdelegado Jesús Otero recalcou que leva “seis anos desexando que remate” este proceso, dende que abriu a investigación a xuíza Estela San José sobre unha suposta trama para a retirada irregular de multas de tráfico que supostamente operou durante os anos 2006, 2007 e 2008.

29 de maio de 2014 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.