publicidade hoxe

O Concello de Culleredo admitirá nos campamentos urbanos á totalidade de nenos que pediron praza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Esta edición dos campamentos urbanos de verán do Concello de Culleredo será multitudinaria. O goberno municipal decidiu incrementar as prazas para previstas, para poder dar servizo a todas as familias cullerdenses que as solicitaron. En total, das solicitudes recibidas, 273 cumprían tanto o requisito de ser empadroados no municipio como de presentar necesidade de conciliar, finalidade principal da iniciativa, polo que foron admitidas automaticamente. O Concello recibiu outras 110 de residentes en Culleredo, pero que non presentaban necesidade de conciliación.

O goberno local, dado o interese amosado polos veciños, decidiu realizar un importante esforzo e admitir estas solicitudes. Ao non ter necesidade de conciliar, non inclúe o servizo de comedor. As restantes 12 solicitudes correspondían a non empadroados, polo que foron excluídas. Así, os campamentos urbanos de verán, que comezarán o 23 de xuño, contarán con 383 participantes. Serán nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que están cursando actualmente desde 4º de educación infantil ata 6º de educación primaria.

Os campamentos terán lugar nas instalacións cedidas polos centros escolares Díaz Pardo, Ría do Burgo e Sofía Casanova e nos polideportivos municipais de Vilaboa e do Ría do Burgo. Como cada ano, o horario de campamento será de 9:00 a 14:00h, co servizo complementario de xantar de 14:00 a 15:30h.

A concelleira de Educación, Carmen Varela, destaca que os campamentos son espazos “tanto lúdicos como didácticos” onde se traballan valores de respecto, tolerancia, coeducación, nonviolencia, ou hábitos saudables. “Por iso cremos que este esforzo por admitir a todos os cullerdenses ben merece a pena”, sinala.

Os pequenos desenvolverán actividades como xogos, deportes, confección de disfraces, construción de instrumentos musicais, pintado de murais, creación de esculturas…

16 de maio de 2014 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.