publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O campo de golf de Mondariz Balneario acollerá o o V Torneo de golf Peregrinación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMondariz-Balneario
A-
A+

O campo de golf de Mondariz Balneario acollerá ata mañá, 30 de maio, a V edición do Torneo de golf Peregrinación, un evento deportivo patrocinado por Turismo de Galicia para promocionar a práctica deste deporte na comunidade galega.

Neste torneo, que está enfocado ao público sénior, participan 210 golfistas da Asociación Española de Seniors de Golf, AESGOLF, procedentes de España e Portugal, que ademais de competir neste evento poderá gozar da oferta turística galega.

Así, como actividades complementarias, están previstas unha visita ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, unha travesía en goleta, a visita á vila de Baiona e un almorzo degustación con produtos senlleiros da gastronomía galega.

Obxectivos

Os obxectivos da organización deste torneo pasan por conseguir o recoñecemento do evento no calendario das probas de golf sénior no ámbito internacional. Deste xeito, este ano, a organización tivo que pechar o período de inscricións con antelación, xa que a cota de participantes foi cuberta con moita antelación.

Outro dos obxectivos deste torneo é dar a coñecer a oferta turística de Galicia, sobre todo nos ámbitos cultural, da natureza e da gastronomía, dentro dun segmento de público con idades superiores aos 50 anos.

Búscase tamén a promoción da desestacionalización turística e a promoción específica do turismo de saúde, para participantes no torneo e os seus acompañantes.

Polo que respecta á procedencia dos participantes, o 25% é de Madrid, o 15%, de Cataluña; o 10%, de Andalucía; o 10% da Comunidade Valenciana; o 9% procede de Galicia; o 20%, do resto das comunidades autónomas españolas; o 7% é portugués; e o 4% restante, procede doutros países.

Este torneo celébrase ao longo de dúas xornadas na modalidade de stableford, sumando os resultados de ambas as dúas xornadas para obter a clasificación final.

Este ano haberá 6 premios para xogadores sénior, tres na categoría feminina e outros tres na masculina; e outros dous premios para xogadores que non sexan sénior en categoría masculina e feminina.

International Ladies Open

Por outra parte, Turismo de Galicia, colabora na organización do International Ladies Open, un torneo pro-am de categoría feminina, que se celebra ata o 31 de maio no Balneario Oca Augas Santas de Ferreira de Pantón (Lugo).

O obxectivo deste torneo é a promoción do turismo de golf na comunidade galega, así como a oferta turística de Galicia en xeral e da Ribeira Sacra en particular, a través da organización dun evento de carácter mundial.

29 de maio de 2014 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.