publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os alberguistas de todo o mundo premian ao albergue As Corcerizas que xa funciona como unha illa enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaVilar de Barrio
A-
A+
As Corcerizas recibe 30.000 euros polo segundo galardón mundial

As Corcerizas recibe 30.000 euros polo segundo galardón mundial

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na entrega simbólica do premio de “Hostelling International” obtido polo albergue xuvenil das Corcerizas (Vilar de Barrio) grazas ao proxecto que lle permitiu converterse nunha “illa enerxética, ao marxe da rede eléctrica convencional”. Neste acto tamén estivo presente o xerente da Rede española de albergues xuvenís (REAJ), Sergio Montoya, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

O albergue das Corcerizas instalou un aeroxerador eólico que eliminou os combustibles fósiles e construíu un muro radiante de barro cru como sistema de radiación, o que lle permitiu acadar unha máxima eficiencia enerxética.

De aí que este proxecto medio ambiental galego obtivera o premio “Hostelling International” para iniciativas dirixidas a mellorar o patrimonio natural mediante a redución de emisións de carbono e que está dotado con 25.000 libras (ao redor de 30.000 euros). Este premio tamén permitiu implantar un programa dirixido a centros escolares con alternativas para enfrontar o cambio climático.

No marco da competición que gañou as Corcerizas, presentáronse proxectos dun total de 15 países (Estados Unidos, Brasil, China…). En total, premiáronse as tres iniciativas máis votadas, que procedían de Gran Bretaña, Estados Unidos e España (As Corcerizas).

Xuntanza de directores de albergues

Posteriormente, Rodeiro e Montoya desprazáronse a Ourense para manter unha xuntanza cos directores de albergues xuvenís.

Durante o encontro, o director xeral de Xuventude destacou que preto de 55.000 persoas pernoctaron en 2012 nalgún dos 8 albergues xuvenís de Galicia que están asociados á REAJ. O 75 por cento foron visitas de viaxeiros españois, mentres que o 25 por cento foron de estranxeiros.

Segundo un estudo do Instituto nacional de turismo, cada turista gastou de media diaria, sen aloxamento, 40 euros, mentres que no caso dos viaxeiros estranxeiros, a contía ascendeu a 77 euros. Tendo en conta estas cifras, os albergues da REAJ en Galicia xeraron un impacto económico de 2,7 millóns de euros en Galicia.

Na reunión, Rodeiro aproveitou para animar aos albergues municipais que non están na REAJ a sumarse a esta plataforma, que aglutina a 260 albergues xuvenís en toda España e 4.000 en todo o mundo.

Os albergues xuvenís asociados na REAJ en Galicia son os seguintes: Monte do Gozo, en Santiago; os Biocos da Vía nova, en San Xoán de Río; a residencia de Altamar, en Vigo; a residencia Florentino López Cuevillas, en Ourense; Gandarío, en Bergondo; o Lug II, en Lugo; o Equal, en Coles; e o das Corcerizas, en Vilar de Barrio.

Os usuarios destas instalacións poden obter un carné de alberguista, que está recoñecido internacionalmente e que é valido para utilizar nos albergues de todos os países. Está dirixido a todo tipo de público, sen límite de idade. O seu prezo é de 6 euros para mozos e mozas de carné xove, 13 para adultos e 25 euros para familias. En Galicia están en vigor un total de 1.057 carnés de alberguistas.

29 de maio de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.