publicidade hoxe

Gran éxito de asistencia á mostra fotográfica “O tempo no Umia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

A exposición fotográfica “O tempo no Umia” desenvolveuse con gran éxito de asistencia ao longo das case catro semanas que permaneceu aberta ao público. A mostra, que reuniu fotografías do río Umia ao longo do tempo, foi organizada polo Concello de Caldas de Reis.

Supuxo unha ocasión única para descubrir e coñecer o noso patrimonio cultural e algúns dos nosos espazos máis emblemáticos, apreciando a súa evolución durante o último século. A exposición puido visitarse os xoves e sábados de maio no auditorio municipal con entrada gratuita, donde tamén se puido ver a exposición “Imaxes con Fondo”, cedida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O pasado xoves 29 de maio tivo lugar a clausura da exposición coa entrega dos premios do I Concurso de Fotografía “Umia, o río que nos une” ás gañadoras Paula Fariña Monteagudo, pola fotografía máis orixinal do Umia, e Almu Rey Domínguez, na categoría “De marcha polo Umia”, na que participaron algúns dos asistentes á Ruta da Auga do 10 de maio. As fotografías participantes poden verse na páxina de Facebook oficial do Concello de Caldas.

Para este Concello é unha satisfacción que máis de 370 persoas se achegaran a visitar a exposición dende a súa inauguración o pasado día 8. Algún dos días polas instalacións do auditorio pasaron máis de 65 persoas, que puideron sentirse parte da historia do río. Tamén se realizaron visitas en grupo fóra dos horarios sinalados, como as dos usuarios do Fogar do Maior, colexios ou institutos.

Esta mostra só foi posible gracias á colaboración de grandes fotógrafos/as e veciños/as, que cederon unhas 80 instantáneas do Umia, partindo de Segade e rematando na Tafona, nas que se puido desfrutar de paisaxes tanto de natureza como urbanas, sendo o principal protagonista o río.

30 de maio de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.