publicidade hoxe

‘Enredando, artesanía na escola’ achega os oficios artesanais ao CPI Oza dos Ríos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
Proxecto 'Enredando' no CPI Oza dos Ríos

Proxecto ‘Enredando’ no CPI Oza dos Ríos

O CPI Oza dos Ríos, en Oza-Cesuras, acolle desde hoxe o proxecto Enredando, artesanía na escola, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño que ten por obxectivo achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego.

Dentro deste proxecto, hoxe presentouse no centro educativo coruñés a unidade didáctica O Gremio da seda, na que o alumnado participará no proceso de produción da seda, desde a cría e evolución dos vermes ata a extracción desta para a confección do fío na seguinte fase.

A actividade, na que os alumnos continuarán a traballar o curso que vén, chegará nas próximas semanas a un total de 16 centros educativos de toda Galicia. Na provincia da Coruña celebrarase, ademais de en Oza-Cesuras, no CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, no CEIP de Teixeiro en Curtis e no CEIP de Presaras de Vilasantar.

Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxa segunda tempada continúa desenvolvéndose en diferentes centros educativos.

Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia, que se vén de poñer en marcha co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

 

5 de maio de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.