publicidade hoxe

Elimínanse sete puntos de vertido no concello de Mazaricos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMazaricos
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, vén de poñer fin a sete puntos de vertido contaminantes rexistrados no Concello de Mazaricos, concretamente nos lugares de A Manda, Atán, Pino do Val (2) e As Espigas (3).

Os puntos de vertido, procedentes das redes de saneamento de tipo unitario para o desaloxo de augas pluviais que carecían de depuración final, foron detectados polo persoal pertencente ao servizo de inspección do Plan de Control de Vertidos (PCV). Unha vez verificada a natureza contaminante das achegas déuselle traslado ao Concello da existencia dos mesmos, requiríndolles que se adoptaran as medidas oportunas para a súa eliminación.

Para a emenda destas verteduras, o concello de Mazaricos procedeu a adquisición e instalación de sete sistemas de depuración para o tratamento das augas residuais vertidas a través dos 7 puntos nos que se detectaron estes aportes.

Así pois, logo dos traballos levados a cabo pola Administración local acadouse un gran avance en materia de saneamento. Nunha nova visita efectuada ao lugar, por parte dos técnicos de Augas de Galicia, comprobouse que ambas vivendas procederon a conectar as augas residuais vertidas á rede de saneamento municipal, mediante a realización da correspondente acometida domiciliaria.

19 de maio de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.