publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen ao autor confeso de tres incendios forestais en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroCulleredoMesíaPortada dereitaSucesos
A-
A+
Europa Press

O equipo de Investigación de Incendios Forestais da Policía Autonómica en Santiago de Compostela, en colaboración co persoal do Distrito IV-Barbanza, procedeu á detención do autor confeso de tres incendios forestais no Concello de Boiro, na Coruña.

Os lumes tiveron lugar entre os días 12 e 13 desta semana na parroquia de Bealo e arrasaron unha superficie total de 1.700 metros cadrados de monte raso. Como consecuencia das pescudas e das entrevistas a veciños realizadas polos axentes procedeuse á detención do sospeitoso, que acabou recoñecendo a autoría dos lumes.

O detido conta con numerosos antecedentes por feitos similares, polo menos en 11 incendios ocorridos nos últimos anos nas inmediacións dos lugares de Armada e Galea. En concreto tratase dun incendio en 2005, 9 en 2011 e outro en 2012, no que arderon 255 hectáreas de monte. A estes hai que sumar estes tres últimos lumes.

En todos os incendios. o detido mostrou o mesmo modus operandi en canto ás horas de inicio, uso directo do lume –mediante mistos- e ás zonas, todos nun radio de 500 metros do lugar de Armada, nas beiras dos camiños de terra de acceso ás fincas. Destes feitos deuse coñecemento ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.

Lumes en Mesía e Culleredo

Así mesmo, os axentes de Santiago tamén informaron da imputación dun veciño do Concello de Mesía, na Coruña, nunha actuación na que colaborou o persoal do Distrito III-Santiago Meseta Interior. O lume que se lle imputa a este home foi ocasionado por un escape de queima na que non se adoptaron as medidas de seguridade establecidas pola lei. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ordes.

Pola súa banda, axentes da Policía Autonómica na Xefatura da Coruña procederon tamén á imputación dun veciño de Culleredo (A Coruña), que tras facer unha queima non autorizada e neglixente, ocasionou un incendio no que arderon 2.000 metros cadrados de eucaliptos. Neste caso, as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda da Coruña.

Na actual campaña anti-incendios forestais do 2014, 37 persoas foron detidas ou imputadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.

18 de maio de 2014 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.