publicidade hoxe

Demolida a estrutura dunha edificación ilegal no concello de Cariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCariñoLocal Portada
A-
A+

No Concello coruñés de Cariño levouse a cabo a demolición da estrutura dun edificio, despois de terse declarado como ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Concretamente, a estrutura estaba situada no lugar de Figueiras na parroquia da Pedra. A reposición da legalidade levouna a cabo a propia interesada, tras distintas multas coercitivas impostas pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O motivo desta actuación foi o uso ilegal, é dicir, o inicio dunha edificación con soleira de formigón e cimentación, fosa séptica e muro de contención, escavación, recheo e terraplenado, pozo con bomba e cadro e eléctrico, nunha zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Cabe sinalar que o Concello de Cariño está adherido á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística por un convenio asinado no ano 2009.

A resolución administrativa pola que se impuxo unha sanción e se ordenou a reposición dos terreos ao estado anterior foi confirmada en sede xudicial polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pero ante o incumprimento voluntario da responsable ditouse orde de apercibimento previo para que dera cumprimento a resolución administrativa confirmada pola xustiza.

O pasado mes de abril, realizouse unha inspección á parcela co obxecto de obter os datos precisos para a redacción do proxecto de demolición. Nesta visita constatouse que a obrigada deu cumprimento á orde de reposición dos terreos, demolendo o ilegalmente construído.

A APLU non ten como obxectivo derrubar, sancionar e recadar, senón contribuír a ordenar e protexer o territorio galego, crear unha conciencia social de acatamento normativo e de respecto pola natureza e o coidado do medio.

En definitiva, a finalidade da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é velar polo uso racional do solo consonte ao que dispón a normativa reguladora do urbanismo e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo.

19 de maio de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.