publicidade hoxe

Culleredo abre as portas do seu Conservatorio para elixir especialidade musical

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Concello de Culleredo ofrece a través do Conservatorio Municipal de Música unha ampla formación musical que abarca moitas especialidades. Trátase dun completo programa de ensino regulado que reúne a máis de 200 alumnos nas súas aulas.

O Conservatorio prepara a matriculación para o próximo curso. A inscrición nas probas de acceso ao primeiro curso do grao elemental abrirase o próximo 19 e en breve tamén lanzará o período de solicitude de prazas no resto de cursos, no grao profesional e tamén no nivel de iniciación.

Pero antes de nada, o Concello quere que os posibles alumnos coñezan as distintas posibilidades instrumentais para a súa decisión. O Conservatorio celebra o mércores 14 e o xoves 15, en horario de 17.00 a 20.00 horas, as súas xornadas de portas abertas. Quen se achegue á dependencia municipal situada en Acea de Ama poderá presenciar como se manexan as clases cos distintos instrumentos.

O goberno de Culleredo anima aos veciños a acudir ao Conservatorio para coñecer as posibilidades que ofrece. Os propios nenos poderán gozar do son dos diferentes instrumentos e decidir en cal quererían iniciar unha formación.

Ademais, o Conservatorio celebrará unha reunión informativa mañá martes ás 19:00 horas na biblioteca do centro, para todas as familias interesadas no acceso ao 1º curso de grao elemental para o curso 2014/2015.

12 de maio de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.