publicidade hoxe

Cabanas Rural reedita este ano a súa Tarde Solidaria a beneficio de AFAL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

Un ano máis, Cabanas Rural Asociación de Mulleres organizará o próximo mes de xuño unha nova Tarde Solidaria. Unha iniciativa coa que a entidade quere volver a recadar fondos para colaborar co traballo que está a desenvolver AFAL Ferrolterra na comarca de Ferrol dende o ano 1997 para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e das súas familias. Unha Tarde Solidaria cargada de emocións, sentimentos e momentos inolvidables na que a música, o baile e as manualidades en directo serán os grandes protagonistas. Unha cita imprescindible que dará comenzo no pavillón de Lavandeira o 7 de xuño, a partires das 16,15 horas. A entrada é libre e gratuíta.

Así mesmo, os usuarios e usuarias do Centro de Día Terapéutico de AFAL Ferrolterra terán un papel máis que destacado, xa que serán os encargados de inaugurar o programa da xornada xunto coas mulleres que participan no taller de manualidades de Lavandeira.

Conxuntamente, realizarán un cadro. E, para animar a tarde xa dende primeira hora, soará a música da Tuna. Xunto a esta, pero a partires das cinco e cuarto, está prevista a actuación das alumnas e alumnos da academia de baile Fusion Dance de Fene, que deleitarán ao público asistente cun espectáculo no que non faltará o hip hop, baile deportivo ou moderno.

En torno ás seis e cuarto, chegará o turno da merenda e, de seguido, unha nova actuación da tuna. Nesta edición tampouco faltarán os agasallos, procedentes de diferentes negocios, comercios e persoas anónimas que colaboran coa cita cedendo algún obxecto para sortear. E, pechando a xornada, máis baile a ritmo da tuna e de Fusion Dance.

Por último, a presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagros Prieto, quere agradecer a iniciativa de Cabanas Rural polo extraordinario traballo que durante moitos meses leva a cabo para facela posible e acordarse sempre da asociación. Así mesmo, anima a toda a cidadanía a secundar a cita e achegarse a Cabanas para disfrutar da mellor tarde solidaria.

12 de maio de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.