publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Alfonso Rueda visita as obras de infraestruturas de uso público acometidas nas Nogais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NogaisLocal PortadaLugo
A-
A+
Alfonso Rueda na visita ás obras nas Nogais

Alfonso Rueda na visita ás obras nas Nogais

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou esta mañá o concello das Nogais onde destacou a aposta que ten o goberno galego nas actuacións nos concellos pequenos e do interior para favorecer así o benestar dos seus veciños.

Rueda visitou as obras levadas cabo no Concello das Nogais con cargo ás axudas para Infraestruturas de Uso Público, coma foi a rehabilitación da praza pública da Nogueira onde salientou a importancia destas pequenas actuacións que son moi importantes para o día a día dos veciños, e que reflicten como a colaboración entre Xunta e concellos reverte directamente no beneficio dos cidadáns.

A orde de axudas para Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos galegos para que estes poidan realizar actuacións que beneficien a todos os veciños; tales como proxectos de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas, paseos municipais e parques destinados á infancia, como é o caso de As Nogais.

A través desta orde, o Goberno galego volve a apostar polo reequilibrio territorial e repartiu en 2013 ao redor de 1,3 millóns de euros entre case medio cento de concellos, a maior parte deles concellos pequenos e do interior de Galicia , como é o caso das Nogais. Por provincias, a máis beneficiada foi a de Ourense, con 16 concellos e 432.031 euros; seguida da de Pontevedra, con 10 concellos e 359.533 euros; e A Coruña e Lugo, con 9 concellos subvencionados cada unha e 275.192 e 218.214 euros, respectivamente.

Orde de infraestruturas 2014

Para este ano, a orde que regula as bases e a convocatoria das subvencións para a execución de infraestruturas de uso público nos concellos de Galicia durante o ano 2014, ten coma contía máxima un total de 1.875.000 euros, crédito que poderá ser ampliado en caso de ser necesario, o que significa un incremento no importe das axudas dun 50 por cento máis que no ano 2013.

As actuacións que recibirán estas axudas -en réxime de concorrencia competitiva- responderán a proxectos de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, como prazas, rúas, paseos municipais e parques destinados á infancia. Así mesmo, tamén serán subvencionables as obras de construción ou ampliación de instalacións deportivas ou culturais de uso público e/ou a dotación de equipamentos destas.

Poderán ser beneficiarios aqueles concellos de Galicia que teñan menos de 30.000 habitantes e remitiran as contas municipais do exercicio 2012 ao Consello de Contas. No caso de solicitudes conxuntas, deberán cumprir con estes requisitos todos os concellos agrupados ou asociados.

Ademais, a orde establece que só poderá presentarse unha solicitude por concello -ou agrupación- e proxecto, e que orzamento total deste non poderá ser superior a 50.000 euros para as solicitudes individuais e 57.500 euros para as conxuntas. Tamén se esixe que os terreos ou predios sobre os que se pretenda realizar as actuacións sexan de titularidade municipal e o concello teña a plena disponibilidade sobre eles.

A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80 por cento do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, cun límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 46.000 euros para as solicitudes conxuntas.

30 de maio de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.