publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A vía LU-P-4302 do Páramo será arranxada co plan pioneiro de mellora de estradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Páramo
A-
A+

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, informou hoxe que o organismo lugués arranxará a vía LU-P-4302 do Concello do Páramo, en concreto o tramo correspondente ó punto quilométrico 3,00, co pioneiro plan de mellora de estradas posto en marcha o pasado mes de marzo pola Deputación de Lugo. Martínez subliñou que a situación deste tramo “é un feito puntual, provocado pola intensidade do tráfico que soporta esta vía, e agravado polos temporais de choiva e vento deste inverno, que quedará subsanado á maior brevidade posible”

O Deputado destacou que “somos perfectamente conscientes de que a situación dalgúns tramos non é a perfecta en todo momento, pero tamén é certo que co orzamento e os medios dos que dispoñemos estase a traballar da mellor maneira posible”. De feito, no caso da LU-P-4302, do Páramo a Cendoi, as dificultades “concéntranse nun pequeno tramo, á altura do punto quilométrico 3,00, nunha estrada de máis de 7 quilómetros de lonxitude”. O Deputado lembrou o “tremendo esforzo inversor e de dispoñibilidade de efectivos” que supón para a Deputación manter continuamente en perfecto estado os máis de 4.200 quilómetros que fan da lucense a rede viaria provincial máis extensa de España.

Martínez insistiu na operatividade do plan de mellora de estradas provinciais da institución provincial, que conta con medios do Parque Móbil para levar a cabo tarefas de acondicionamento con aglomerado en quente e de limpeza de cunetas na totalidade das vías provinciais. Este Plan, co que a Deputación optimiza os recursos públicos, e que está composto por preto de 30 operarios e 25 máquinas, comezou no mes de marzo os traballos no chamado Cinturón Comarcal, que conta con 130 quilómetros que transcorren polos Concellos de Friol, Guntín, Castroverde, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, O Corgo, Lugo, Outeiro de Rei e Pol.

“En canto rematen os traballos que o dispositivo da Deputación están a facer no Cinturón, continuarase, tan pronto como sexa posible, co resto de estradas provinciais, incluída por suposto a LU-P-4302”, para o que se empregará “aglomerado en quente e se instalará sinalización horizontal e vertical onde sexa necesario”.

Manuel Martínez tamén quixo destacar que a situación da rede viaria provincial “deu un cambio de 180 graos: baste lembrar que en tempos do anterior goberno provincial só contaban con aglomerado 300 quilómetros. Hoxe en día son máis de 1.200”

21 millóns de euros no 2014
A Deputación de Lugo investirá este ano na mellora de rede viaria provincial 21 millóns de euros, cantidade resultante da suma dos orzamentos deste novo plan e o de Conservación, dotado de 6 millóns de euros. Estas dúas programacións complementan outras actuacións do Goberno Provincial coas que, por exemplo, multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente; instalou máis de 3.400 sinais, 1.000 paneis direccionais e 4.000 hitos quilométricos para sinalizar os seus 4.200 quilómetros, ou 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas coa que conta actualmente a rede viaria luguesa.

20 de maio de 2014 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.