publicidade hoxe

A Noite dos Museos celébrase en Viladonga con actividades lúdicas e culturais e unha visita nocturna ao castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará esta fin de semana no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga o Día Internacional dos Museos, cun programa no que destacan de novo a “Noite dos Museos” e a visita nocturna ao castro, o sábado 17.

A programación inaugúrase o venres, ás 19.30 horas, co espectáculo de Pepe Penabade O afiador Rodesindo da Barrosa e unha conferencia concerto de Mini e Mero en homenaxe a Xosé María Díaz Castro, autor rememorado na presente edición do Día das Letras Galegas.

O sábado haberá actividades para todos os públicos a partir das 17.30 horas no museo, no castro e no xardín. Este último será o marco da demostración de xogos populares a cargo do club de bolos O Cadaval, de Pacios, e da actuación do grupo de música tradicional Os Valuros, de Castro de Rei.

Mentres, no museo e no castro haberá actividades de recreación histórica, demostracións e xogos con participación do público organizados polas asociacións Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Lugdunum e Terra Copora, do campamento de Arde Lvcvs.

Ás sete da tarde na sala de actos do museo actuará o mago Rafa. Ás oito e media servirase no xardín un refrixerio con petiscos, bebidas e queimada, e xa de noite, a partir das 22.30 horas, comezará a visita nocturna ao castro, onde finalizarán as actividades. No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitisen as actividades previstas no exterior, realizaríanse actos alternativos nas salas e nos pórticos do museo.

Da man de Xila, Maximus e Caelio

Durante todos os martes do mes de maio celébranse visitas teatralizadas ao museo de Viladonga, dirixidas a escolares de educación infantil e primaria, que poderán achegarse dun xeito lúdico á vez que didáctico ao modo de vida no castro.

O Museo recibirá aos grupos escolares interesados para introducilos nunha viaxe ao pasado guiada por tres actores. A actividade comeza coa benvida da guía Xila, membro dun clan castrexo de Viladonga, quen levará aos visitantes á sala de audiovisuais. Alí terá lugar a proxección dun vídeo e ao rematar, aparecerán dous personaxes que contarán diversas lendas.

Realizarase unha ruta teatralizada polas distintas salas acompañados de Xila e de Maximus, un romano peculiar que de forma lúdica contará anécdotas dos elementos que alí se atopan.

Unha vez rematada a visita no Museo, os escolares sairán cara ao castro, onde os agarda Caelio, o xefe dun clan moi poderoso nese poboado, que explicará a súa forma de vida dende que o galo canta ata que ouvean os lobos.

Organizaranse dúas sesións cada martes de maio, a primeira ás 10.30 horas e a segunda ás 12.30 horas. Cada unha ten unha duración aproximada dunha hora e poden participar grupos de máximo 50 nenos e nenas.

13 de maio de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.