publicidade hoxe

A Feira de Reciclaxe de Culleredo buscará unha segunda oportunidade para os trasteiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Co obxectivo de promover a reciclaxe e a reutilización celébrase este sábado, 24 de maio, a Feira de Reciclaxe no Burgo, no recinto multiusos do paseo marítimo. Uns 60 postos, de particulares ou asociacións, conformarán o evento, que se desenvolverá entre as 11.00 e as 21.00 horas.

“Leva ou teu trasteiro á feira!” foi o slogan da feira para lograr este elevado número de participantes. Mobles, bicicletas, manualidades, roupa ou antigüidades serán algúns dos bens que se poderán comprar na feira logrando así unha segunda oportunidade de vida para eles.

Nos postos tamén se poderán atopar elementos de elaboración artesá. Así mesmo, ofreceranse produtos fabricados a partir da reciclaxe de materiais.

Para dinamizar a xornada, a organización preparou actividades infantís que se desenvolverán ao longo do día no paseo marítimo. Desta forma propiciarase a visita de familias con nenos pequenos.

O Concello impulsa así un marco idóneo “para a reutilización de bens que doutra forma seguramente acabarían no lixo”, explica a concelleira de Promoción Económica, Marta Igrexas. Ademais, sinala, o evento servirá para dinamizar o sector hostaleiro e comercial do municipio, ao ser un foco que atraerá público ao Burgo.

A feira está organizada por Ins3Rtega, iniciativa social emprendedora de reciclaxe téxtil de Galicia, en colaboración co Concello. A organización decidiu doar ao Banco Municipal de Alimentos o 10% das taxas de cada posto, impulsando tamén unha compoñente solidaria no evento.

22 de maio de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.