publicidade hoxe

A Deputación de Lugo contrata a instalación eléctrica do Centro de Recría con 370.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugo
A-
A+

A Xunta de Goberno aprobou este venres a contratación dos traballos de instalación eléctrica do 1º centro de recría público en España de gando vacún, que constrúe a Deputación na Granxa Gayoso Castro, no Concello de Castro de Rei. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, indicou que estas actuacións están dotadas de 370.000 euros, que “proveñen da partida de 6 millóns de euros que achegamos á derradeira fase de construción do centro de xeito solitario, posto que a Xunta rexeitou colaborar con este proxecto e ata visitar as súas obras”.

Unha empresa lucense resultou adxudicataria destes traballos, ós que optaron un total de 12 entidades. Martínez explicou que, neste intre, o organismo provincial está a finalizar as obras de demolición e adaptación das estruturas existentes ás 12 naves de nova construción. “Unha vez rematadas, iniciaremos os traballos de dotación do sistema eléctrico que contratamos hoxe, así como as obras de construción da pranta de biogás agrogandeiro máis grande de Galicia, que situamos no centro de recría para que sexa autosuficiente”.

Precisamente, a sesión aprobou o derradeiro trámite legal (o plan de seguridade e saúde no traballo) para poder iniciar de xeito inmediato a construción da pranta de biogás. O orzamento destas obras é de 1,4 millóns de euros, que tamén proveñen da partida de 6 millóns de euros da Deputación. Tragsa é a encargada da súa execución.

21.000 para Equigal
A Xunta de Goberno acordou o convenio de colaboración coa Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, mediante o cal a institución luguesa achega unha subvención de 21.000 euros para a celebración da sétima edición do Salón do Cabalo de Galicia (Equigal). O voceiro remarcou que “trátase da feira equina máis importante da Comunidade galega, que foi capaz de atraer a Lugo a máis de 15.000 persoas na súa última convocatoria. É un evento que dinamiza a economía lucense, impulsando directamente ó sector gandeiro, así como o da hostalería, comercio ou turismo. Por todo isto, a Deputación de Lugo é a súa máxima patrocinadora”.

Foron aprobadas as contas xustificativas de dúas obras de mellora de dotacións públicas en núcleos rurais de Palas de Rei e O Saviñao, dotadas de 19.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación co Plan de Comunidades Veciñais, aforrando cartos ós Concellos.

16 de maio de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.